Preocupación no PP polo mal estado do Polígono do Campiño e a falta de espazo industrial
Por Anxo Lourido
Pablo Fernández, concelleiro do Partido Popular, anunciaba este mércores que no próximo pleno municipal o seu grupo presentará unha moción para que se adopten medidas para mellorar as instalacións no Polígono do Campiño.
O representante dos populares manifestaba a súa preocupación pola falta de solo industrial neste polígono empresarial nos terreos que pertencen a Pontevedra e lamentaba a "incompetencia" do goberno que lidera o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para actualizar o Plan Xeral, que permita a creación de espazos para a implantación de empresas no municipio. Lembrou os 1.300.000 euros "tirados" entre 2007 e 2011 para elaborar un plan que finalmente non chegou a aprobarse, unha situación que "deixa a Pontevedra sen novo chan industrial", indicou Fernández.
Esta situación, segundo indica, provoca a aparición de Zonas Industriais Espontáneas (ZIES) porque o empresariado se ve obrigado a crear naves noutros espazos. Argumentou tamén a falta de equilibrio na balanza económica de Pontevedra ao converterse nunha cidade "dormitorio" e "de paseo" ao descoidar os parques empresariais. Unha fórmula que "non é a idónea para a nosa cidade", especificou o concelleiro do PP.
Durante as últimas semanas durante as visitas que realizou con Rafa Domínguez, portavoz municipal dos populares, ao Polígono do Campiño, recolleron queixas do sector empresarial e, segundo afirmaron, "en 20 anos Lores non apareceu polo polígono".
Ante esta situación, coa idea de que se melloren as instalacións, o Partido Popular presentará no pleno da próxima semana unha moción con dous paquetes de medidas, unhas de carácter urxente e outras para que se estude a súa implantación a medio prazo.
Reclaman a poda de árbores e maleza porque entenden que hai zonas que "son selvas", causando danos nas lonas dos camións ao ser golpeados polas ramas. Denuncian a mala sinalización tanto horizontal como vertical, "non sei como non hai máis accidentes", apuntou Pablo Fernández, e tamén demandan un incremento de días de recollida de lixo porque, segundo alegan, na actualidade só se realiza unha recollida á semana e, ademais, consideran necesaria a limpeza de parcelas "que están a monte".
En canto a outras medidas, os populares pedirán a dotación de aparcadoiros na zona norte xa que detectan "moita demanda" na entrada por Ponte Caldelas; tamén solicitarán unha dotación de servizo público de transporte; un espazo público para atender visitas e realizar reunións, como demanda a asociación de empresarios; e unha negociación co goberno central para crear unha vía de conexión coa A-57.