Tres detidos por intento de homicidio por dar unha brutal malleira a un veciño de Bueu e envialo 9 días ao hospital
Por Natalia Puga
A Garda Civil logrou esclarecer unha serie de pelexas rueiras que se produciron o pasado 6 de marzo en Cangas. Nun só día hai constancia de seis agresións e unha delas de especial gravidade, na que resultou ferido grave un mozo veciño de Bueu de 29 anos que estivo hospitalizado nove días e foi intervido cirurxicamente como consecuencia da gravidade das lesións.
Pola brutal malleira a este mozo foron detidos tres homes, todos eles de 20 anos, dous veciños de Moaña e o outro de Madrid. Aos tres atribúeselles un delito de tentativa de homicidio e tamén cinco de lesións.
Por esas seis agresións hai, en total, tres detidos (os tres citados) e outros tres investigados, no seu caso por delitos de lesións que se produciron a mesma madrugada. Ten entre 18 e 32 anos e son veciños de Cangas, Moaña e Vigo.
A velada concluíu con polo menos seis agresións e, segundo a Garda Civil, cometéronas no seu maior parte un grupo de mozos que dalgunha maneira lideraban os tres detidos, aos que se lles acusa tamén da comisión doutros cinco delitos de lesións.
Nas as pelexas rueiras que se produciron en Cangas esa noite resultaron feridos varios mozos, algúns dos cales tiveron que recibir asistencia médica por mor dos golpes que recibiron.
Segundo o relato da Garda Civil, varios mozos encerelláronse a golpes na vía pública como consecuencia de altercados ou incidentes que xurdiran entre eles no interior dalgún dos locais da zona de lecer.
As primeiras indagacións que realizaran as patrullas de seguridade cidadá da Garda Civil do Posto Principal de Cangas e da Policía Local, que foron as primeiras en chegar a lugar dos feitos, permitiron ao Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas iniciar unha investigación que culminou coa identificación da práctica totalidade dos mozos que se viron involucrados nas pelexas.
De todos os mozos que foron derivados a centros asistenciais, resultou especialmente grave o citado veciño de Bueu, que recibiu patadas na cabeza e permaneceu ingresado nun centro médico de Vigo do 6 ao 15 de marzo. Presentaba unha fractura complexa do macizo facial, contabilizando un total de nove fracturas nos distintos ósos da cara, ademais da rotura dun dente.
O Xulgado de Instrución número 2 de Cangas leva o caso.