Jueces para la Democracia recorda que a sentenza do Prestige non resolve as responsabilidades políticas
Por Oskar Viéitez
A Comisión de Penal de Jueces para la Democracia celebrou esta semana en Pontevedra unhas Xornadas sobre "O dereito penal no labirinto".
Este venres, en rolda de prensa, os voceiros deste colectivo valoraron a sentenza emitida no caso Prestige recordando que o fallo da Audiencia Provincial da Coruña dilucida "sobre un tema moi concreto, as posibles responsabilidades penais dunhas persoas determinadas das que se afirmaba que cometeron un determinado delito" polo tanto a conclusión da sentenza de que estes intervenientes na xestión da catástrofe non cometeron delito "non ten relación ningunha con outras persoas ou con outros tipos de responsabilidade", dixo o xuíz, Varela Castejón.
Dende Jueces para la Democracia valoraron que o acontecido co Prestige "require dunha análise das responsabilidades políticas".
Esta asociación xudicial insiste en que a sentenza non ten por obxecto a análise técnica da xestión "nin unha análise ética ou política do comportamento dos responsables políticos e administrativos nin o día da catástrofe nin os seguintes".
"Cando as autoridades coñecen a existencia dunha marea negra e durante longo tempo se dedican a ocultar información, á manipulación informativa, á negación do problema, á non subministración axeitada de medios ás persoas que estaban a limpar nas playas...esas son outras responsabilidades políticas que deben ser asumidas", engadiu o xuíz Varela.
"Dende logo como pobo quédanos un orgullo e unha dignidade envexable e envexada en moitos sitios"
Neste sentido Xermán Varela instou a diferenciar o sinistro da súa xestión, faltando a nivel xudicial tanto unha decisión no plano da responsabilidade civil e mesmo administrativa, como no plano extraxudicial unha depuración das responsabilidades políticas. "A nivel político nada decide a sentenza porque nada pode decidir".
Jueces para a Democracia deixa no aire unha pregunta: se os poderes do Estado aprenderon das ensinanzas que deixou o Prestige. E achegan que os tipos penais en materia ambiental están redactados en forma que se dificulta sobremanera a tutela penal do medio.
"E despois disto que queda? ", preguntouse Xermán Varela para contestarse a si mesmo "nos queda a dignidade da sociedade galega durante todo ese tempo. Unha sociedade que foi capaz de lanzarse ás praias a limpalas non como voluntariado senón como brigadas ante a incompetencia do Goberno que naquel momento foi absolutamente incapaz de estar á altura das circunstancias coma si estiveron as persoas. Como sociedade naquel momento respondemos. Dende logo como pobo quédanos un orgullo e unha dignidade envexable e envexada en moitos sitios".