San Cibrán volve cheirar, saber e soar a romaría
Por Natalia Puga & Diana Eiras
O cheiro, o son, o sabor e o espírito inconfundibles dunha romaría regresaron este luns á contorna da ermida de San Cibrán. Non faltaron os churros nin tampouco a 'garrapiñada', as rosquillas, o polbo, o churrasco, o vermú, os gaiteiros, a misa nin as tradicións. Despois de dous anos sen celebración polas restricións da pandemia, había ganas de festa popular e á de San Cibrán non lle faltou detalle.
Toda boa romaría ten que ter comida, bebida, música e festa, pero tamén devoción e tradición e diso andan sobrados en Tomeza. Demostrárono os devotos que lembraron o rito de dar voltas en sentido contrario ás agullas do reloxo ao redor da capela do santo na cima do monte de San Cibrán mentres tiraban unha pedra ao tellado. O costume máis estendido fala de nove voltas coas súas pedras, pero hai quen asegura que son sete.
O rito das nove voltas é o máis seguido, pero a romaría máis famosa de Pontevedra ten moitas outras tradicións que fan dela non só unha das máis especiais, senón a máis multitudinaria da contorna. Pasar por baixo do santo ou levar para a casa ramos bendicidos de herbas máxicas e curativas son algúns dos máis asentados. E todo cun único obxectivo: espantar o mal de ollo ou o meigallo.
O antropólogo e escritor pontevedrés Rafael Quintía foi un dos que este luns de Pascua se sumou á festa e lembrou que o de San Cibrán é "un dos santuarios máis importantes de Pontevedra", ao que tradicionalmente acudía toda a cidadanía de Pontevedra, a maior parte, andando.
San Cibrán, tal e como lembra Quintía, "ten fama de ser moi milagreiro contra todos os males que teñen que ver co meigallo, co mal de ollo, co feitizo" porque "din que como foi bruxo antes que santo, coñece o lado escuro da forza e o lado bo".
A súa propia lenda alimenta esa fama, pois cóntase a nivel popular que San Cibrán apareceu na boca dunha mina e elixiu o lugar onde se ía levantar a ermida na que agora se lle rende culto. A súa é unha das romarías máis antigas da contorna na que ten tanto peso a súa vertente relixiosa como a máis habitual da cultura popular ou da propia festa.
A día de hoxe, esa asistencia multitudinaria xa non existe, pero si sigue a ser unha festa moi concorrida á que acoden veciños e veciñas das parroquias de Marcón e Tomeza -a capela pertence a esta última parroquia, pero está nunha zona limítrofe entre as dúas- e da cidade de Pontevedra, pero tamén persoas chegadas doutras zonas próximas ou mesmo, como sucedeu este luns, desde cidades como A Coruña.
O costume de ir ata San Cibrán a pé xa non é tan maioritario, pero aínda hai quen pon roupa e calzado cómodo e sube polos montes de Tomeza arriba ata este miradoiro privilexiado de Pontevedra, desde o que mesmo se alcanza a ver o mar.
Unha vez no cumio, mestúranse os camiñantes cos que só acoden para participar nos actos litúrxicos e os que buscaban seguir con algúns rituais que lembran desde pequenos. É o caso dunha moza chegada coa súa filla de tan só dous meses de vida, que buscaba "que a tradición continúe de xeración en xeración".
Este luns, despois da subida do santo desde a antiga escola de Lusquiños ata a capela situada no alto de San Cibrán, houbo misa ao mediodía e tamén unha máis solemne con procesión ás 13.00 horas e organizouse outra pola tarde. Foron os momentos de maior asistencia, pero durante toda a xornada houbo chegada de devotos.
Houbo mesmo quen pasou alí a noite. Décadas atrás, era habitual que centos de mozos acudiran durante toda a fin de semana a pasar a noite nos montes de San Cibrán, pero nos últimos anos, ese costume perdeuse. Este ano, cinco mozos e mozas de Tomeza e Poio recuperárono. Adrián, Antía, Carla e dous amigos máis pasaron a noite en dúas tendas de campaña e, despois de recoller a media mañá, recoñecían que fora unha boa experiencia que "me contaban meus pais que facían eles" e que lles sentou ben "despois da covid".
Hai tradicións que se perden, outras que se recuperan e outras que van mudando. É o caso da relativa ao ramo de herbas máxicas. Loureiro, oliveira, herba luisa, romeu, ruda e mirto xuntos nun ramo que, ademais dun cheiro cautivador, ten, como lembra Quintía, "propiedades curativas e protectoras".
O ramo é o mesmo de sempre, pero agora desde a comisión de festas aproveitan para vendelo no propio recinto e, desta maneira, axudan a recadar fondos para a festa. Pode bendicirse na misa ou pasando o ramo pola imaxe do santo e, unha vez na casa, axudará "como un amuleto poderoso".
Tamén o son era o dunha romaría de novo en San Cibrán. En 2020 non houbo festexo de ningún tipo e en 2021 tan só os devotos acudiron a título particular, pero este 2020 a festa foi completa e como antigamente, de modo que non faltou a música. Durante a sesión vermú, da man de Os Alegres e pola noite recuperouse a verbena, amenizada co grupo Eureka e o trío Extra. Festa completa.
Relacionadas:
-
A UNED acolle a proxección do documental "A parroquia do alén" dirixido por Rafael Quintía
Por Redacción |
-
Conclúe a Semana Santa coa procesión do Encontro do Xesús Resucitado coa Virxe
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
San Cibrán, sen romaría pero con moitos fieis 'espantando o meigallo'
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
San Cibrán queda sen romaría pero segue espantando o 'meigallo'
Por María José Pita |