A rexeneración do ámbito da igrexa completa a reforma integral da aldea de Ermelo
Por Redacción
A aldea de Ermelo, en Bueu, que o pasado mes de febreiro estreou a súa nova imaxe tras unha profunda rehabilitación integral, completou a súa rexeneración coa mellora que experimentou o ámbito situado ao carón da igrexa.
Nesta actuación, financiada co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, investíronse 134.000 euros, transformando por completo o corazón deste núcleo histórico tradicional.
A actuación centrouse na posta en valor de toda a parroquia de Ermelo e o seu patrimonio histórico e arquitectónico, como é a propia igrexa, mellorando as condicións ambientais e a calidade de vida e creando un espazo universalmente accesible.
O espírito desta reforma foi o de favorecer a prioridade peonil e promover a reconquista do espazo público para o uso da veciñanza da aldea.
Os traballos desenvolvéronse na zona baixa da igrexa, así como no camiño que accede á fonte e na parte alta, que dá acceso ao recinto da igrexa e se estende ata o cruce co camiño polo que se accede á Esculca, lugar de confluencia dos concellos de Moaña, Cangas e Bueu.
En todo este ámbito traballouse por crear un espazo sostible e respectuoso, mellorando as infraestruturas e dotacións e poñendo en valor a historia da zona.
Tamén se deu resposta ás necesidades de mobilidade actuais da veciñanza, ao ser este espazo un dos eixos de comunicación principais de Ermelo. Así, dotouse de novo pavimento á zona, con lastro de granito do país e lastro gris, así como franxas de lousas de pedra.
O pavimento, uniforme e sen desniveis, responde á idea de proxectar un espazo compartido e mellorar a seguridade viaria, facendo convivir ás persoas e aos vehículos.