Vilaboa estuda vías de financiamento para recuperar o Muíño do Toxal
Por Redacción
O Muíño do Toxal, situado ao pé do río Gafos, ten unhas características únicas, segundo os expertos. De aí que o Concello de Vilaboa queira recuperalo e integralo no seu patrimonio histórico. Pero para iso, hai que atopar os cartos para financiar a súa recuperación.
Un dos primeiros pasos dados polo alcalde, César Poza, foi manter un encontro con representantes da asociación Vaipolorío, xunto aos que visitou este muíño, situado concretamente no núcleo de Santa Marta, en Bértola.
A estrutura do muíño está en pé, pero en avanzado estado de deterioro polo que urxe unha actuación de recuperación que garanta o futuro deste recurso patrimonial, do que xa hai referencias claras na documentación catastral do Marqués da Ensenada de 1749.
O alcalde de Vilaboa comprometeuse cos directivos de Vaipolorío a buscar alternativas para o financiamento dos traballos e garantir a conservación deste muíño, sempre despois de ter localizado aos lexítimos propietarios e acadar o seu consentimento para actuar sobre el.
Trátase dun muíño pertencente á modalidade de rego dunha única moa, unha edificación simple que acolle un complexo dispositivo mecánico accionado pola forza da auga.
Ten unha presa, que ten por obxecto captar a auga do río; a levada, que conduce a auga da presa cara o muíño salvando o desnivel do terreo; a canle, que conduce a auga cara o rodicio; ou unha roda hidráulica con paletas curvas e un eixe vertical que move a moa.
Ademais, consta da edificación do muíño propiamente dita, un sinxelo edificio de planta rectangular duns 8 metros cadrados de superficie, cuberto por un tellado a dúas augas constituído por paredes de cantería irregular nos que unicamente se practican dous vanos, un para acceder e outro para levar luz ao interior.
Para César Poza trátase dunha xoia arquitectónica e patrimonial "que fala de nós, da nosa cultura e das nosas tradicións", polo que o Concello explorará diferentes vías "que nos permitan recuperar ese importante activo da nosa identidade".