Pecha por folga a perfumería Douglas da milla de ouro pontevedresa
Por Mónica Patxot & María José Pita
"Mércores 20/04/2022. Pechado por folga". Este é o cartel que leva colgado toda a xornada na reixa exterior da perfumería Douglas de Pontevedra, situada no número 20 da céntrica rúa de Benito Corbal.
Este aviso tan explícito é necesario xa que nos últimos meses a compañía alemá emitiu un comunicado no que anuncia o peche de 136 das súas 199 tendas en España e o despedimento dun máximo de 1.000 traballadores.
Por tanto, a tenda situada na chamada milla de ouro pontevedresa non baixou a persiana definitivamente, pero este peche dun día ten moito que ver co clima de dúbida e medos que se xerou ao non saber os empregados se o seu establecemento será o próximo na lista negra de peches.
O xornal eldiario.es relata unha situación que é común en todos os centros de beleza e perfumería da filial en España de Douglas.
A crise comezou hai sete anos coa compra doutras cadeas do sector, como Bodybell e If. Estas operacións non se traduciron na primacía no mercado que buscaba a marca alemá. E máis recentemente, a pandemia da covid agudizou unha situación que xa é insostible.
Neste contexto, Douglas está a intensificar o seu comercio en liña, e con el máis incerteza sobre o mantemento dos postos de traballo nas tendas físicas.
Hai un problema inminente para o persoal afectado polos despedimentos, pero tamén para aqueles que conservan o seu emprego.
Explica elDiario.es que a dirección da empresa propón eliminar as pagas extra por traballar en fin de semana e, no caso dos que traballan nos almacéns, eliminar os complementos de nocturnidade. Tamén denuncian os traballadores que a empresa fai cálculos para o pago dos incentivos por obxectivos que non se axustan ao acordado, a pesar de que se renunciou á súa cobranza no primeiro ano de pandemia.
A folga deste 20 de abril na tenda Douglas de Pontevedra, seguindo o ronsel doutros paros en días pasados noutros centros de España, é unha primeira medida de presión para que Douglas escoite as demandas dos traballadores e garanta a continuidade dos postos.