Os sondeos arqueolóxicos previos á reforma de Santa Clara comezarán en xuño
Por Alejandro Espiño
En xuño, se se cumpren as previsións, arrancarán os traballos para os sondeos arqueolóxicos previos que se farán no convento de Santa Clara para avanzar no proxecto para a súa rehabilitación. Así o adiantou o edil de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda.
O paso previo para poder licitar estes traballos, que vai a executar a Deputación de Pontevedra con vistas a incorporar o antigo convento ao Museo, foi a realización dun estudo planimétrico de todo este ámbito histórico-artístico, elaborado pola empresa Geomáti-K Ingeniería.
Esta planimetría revelou que a parcela total que ocupa Santa Clara e os seus xardíns ten 12.575 metros cadrados, mentres que só as zonas verdes serían 10.005 metros.
A ocupación en planta do convento, polo tanto, sería 2.570 metros cadrados, aínda que a superficie construída alcanza os 5.602 metros cadrados repartidos en ata tres alturas. O punto máis alto sería o campanario do inmoble, próximo á entrada principal.
A análise en detalle de todo este espazo, que se iniciou o pasado mes de novembro, era necesaria, segundo Moreda, para coñecer a superficie real mercada polo Concello para actualizar a ficha do catastro e corrixir os datos no rexistro da propiedade.
Ademais, eses datos serviron de base para licitar o contrato promovido pola Deputación que permitirá realizar os estudos arqueolóxicos e históricos do convento.
O edil do BNG recoñeceu que Santa Clara "é un edificio complicado" pola súa estrutura, de aí que defendera a importancia de ter "a maior información posible para saber que se pode facer no futuro", pensando concretamente nesa futura rehabilitación.
Debido aos sondeos arqueolóxicos, o Concello suspenderá temporalmente as visitas guiadas a Santa Clara. Só restan por realizar as previstas para as próximas dúas fins de semana. En maio haberá, con todo, xornadas de portas abertas para visitar os xardíns.
Relacionadas:
-
Máis de vinte maceiras, loureiros, sequoias, un buxo enorme, kiwis e ata un caqui, atopados na exploración botánica de Santa Clara
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O luns comezarán as exhumacións das clarisas enterradas no cemiterio de Santa Clara
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A limpeza de Santa Clara revela parte da distribución orixinal do convento
Por Redacción |
-
As clarisas autorizan o regreso a Pontevedra do Cristo das Caídas
Por Oskar Viéitez |
-
Así é "Híbridas en Santa Clara", o "agromar" do antigo convento como referente cultural
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Un grupo de expertos separará a historia do lixo en Santa Clara
Por Oskar Viéitez |