O Concello recupera o entorno da fonte Sobreira
Por Redacción
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o concelleiro Bruno Portela, achegáronse ata a área de descanso do entorno da fonte Sobreira para comprobar os traballos de recuperación e saneamento levados a cabo polos operarios municipais.
Pendentes da instalación dunha mesa e uns bancos de pedra, a intención do Concello é deixar habilitado este espazo como zona ao servizo da veciñanza, sobre todo a xente maior, que aproveita o lugar para facer os seus descansos despois de percorrer a distancia que separa aos núcleos de poboación de Borela e A Graña, comunicados por esta estrada de titularidade provincial.
Os traballos acometidos polos operarios municipais consistiron básicamente na roza e eliminación de especies invasoras, construción de arquetas e aseguramento do caudal para un mellor aproveitamento da auga e dotar ao espazo de formigón impreso en color.
Segundo manifestou o alcalde Jorge Cubela, "foi unha petición veciñal que atendimos de boa gana porque esta fonte se atopa nun lugar moi transitado polos veciños que se dirixen desde Borela á Graña e viceversa e porque a propia fonte ten un encanto e unha apariencia que precisaba ser conservada e posta en valor".
Pola súa banda, o concelleiro Bruno Portela lembrou que "esta fonte está moi unida á veciñanza e todo o mundo fala dela con certa emotividade porque é unha fonte que sempre dá auga e incluso non seca no verán cando as temperaturas son máis extremas. A xente lembra como se lle daba uso como bebedoiro para as vacas que pastaban nas fincas próximas".