Reclaman que a Xunta "non se agoche e dea a cara" na defensa do Verdugo e do Oitavén
Por Alejandro Espiño
A "instalación faraónica" que supón a presa que propón construír a Confederación Hidrográfica Miño-Sil en Forzáns (Ponte Caldelas) para garantir o abastecemento de auga á área metropolitana de Vigo, advirten desde o BNG, "sería letal" para os ríos Verdugo e Oitavén.
De aí que os nacionalistas de Pontevedra, Ponte Caldelas, Soutomaior, A Lama e Fornelos de Montes, os concellos afectados por este proxecto, insten á Xunta de Galicia a que "non se agoche e dea a cara" na defensa destes dous ríos tan importantes para a comarca.
"O que está enriba da mesa é un problema de mala xestión e despilfarro de auga por parte do goberno de Vigo", afirmou o deputado e portavoz do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo, que recordou que catro de cada dez litros que chegan a Vigo se perden polo camiño.
Entende que antes de acometer un proxecto "tan agresivo contra o medio ambiente" debéranse estudar outras alternativas "máis acordes coa ecoloxía e a racionalización do uso da auga" que, a diferenza do presentado, cumpra coa lexislación en materia de augas.
Calquera redución do caudal do Verdugo, aseguran desde o BNG, sexa por transvasamento ou por construción dun encoro, "sería fatal para o río e para os fondos marisqueiros, que dán de comer a centos de familias", creando problemas ambientais e económicos.
A voceira do BNG en Ponte Caldelas, Sol Seoane, engadiu que a construción do encoro suporía "estragar un enclave dunha gran riqueza etnográfica e cultural e dun alto valor ambiental" e denunciou que o seu concello "non é o patio traseiro de Vigo".
"Nin o PSOE nin a Xunta poden pretender que o noso concello pague a mala xestión da auga que se fai en Vigo co estragamento do noso río e dos nosos recursos naturais", subliñou.
A este respecto, recordou que este sábado está convocada unha concentración de protesta na rotonda Caritel - A Lama e o BNG xa solicitou un pleno extraordinario en Ponte Caldelas para mostrar o rotundo rexeitamento da corporación ao proxecto.
Relacionadas:
-
Únense as comunidades de montes de Forzáns, Gaxate, Fornelos e Verducido contra o proxecto de encoro no Oitavén
Por Redacción |
-
O bombeo do Verdugo para abastecer a Vigo, segundo a Xunta, "nin é necesario nin achega solucións"
Por Redacción |
-
"Se non puideron con nós as tropas de Napoleón, tampouco o vai facer un encoro"
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas busca unha fronte de 11 concellos que beben de Eiras contra o transvasamento do Verdugo
Por Redacción |
-
Forzáns mobilízase contra o encoro que o Concello de Vigo pretende construír no Oitavén
Por Redacción |
-
Andrés Díaz acusa a Abel Caballero de seguir malgastando auga como na seca do 2017
Por Manu Otero |
-
Ponte Caldelas convoca unha protesta contra o proxecto dunha presa en Forzáns e ameaza coa vía xudicial
Por Redacción |
-
Profundo rexeitamento en Ponte Caldelas ao proxecto para abastecer auga a Vigo desde o Verdugo
Por Alejandro Espiño |