Arranca a obra que transformará a contorna do colexio de Portonovo
Por Redacción
Este luns 25 de abril comeza a primeira fase das obras de humanización da contorna do colexio de Portonovo.
A empresa adxudicataria dos traballos, Narom, iniciará a actuación no primeiro tramo da rúa Areal, desde a entrada pola PO-308 ata o cruzamento co vial da praza do mercado, que se cortará ao tráfico rodado, habilitando só un acceso ao único garaxe que se atopa neste tramo, e garantindo en todo momento o paso peonil.
A execución dos traballos comeza máis tarde do previsto debido aos problemas coa subministración e os efectos da folga de transporte, pero, segundo informan desde o Concello de Sanxenxo, a intención é que poidan estar concluídos a mediados do mes de xullo, reducindo considerablemente o prazo inicial previsto de 6 meses.
Esta actuación supoñerá unha completa transformación deste tramo do núcleo urbano de Portonovo onde se concentra unha gran actividade económica e educativa.
A obra foi adxudicada por 833.600 euros e a licitadora incluíu algunhas das melloras propostas a maiores do plan básico no referente ao acceso peonil do centro escolar. Para iso, o Concello conta cunha axuda de 500.000 euros do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra e o resto, ata os 833.600 euros, sairá das arcas municipais.
DESCRICIÓN DA OBRA
Nestes traballos realizaranse actuacións relacionadas cos pavimentos e o mobiliario urbano, contemplando a instalación dun banco urbano alongado con posibilidade de habilitar unha conexión USB para a carga de dispositivos móbiles e papeleiras de aceiro inoxidable.
Tamén se intervirá no muro de peche perimetral, demolendo o existente de ladrillo e substituíndoo por un valado con reixa e malla electrosoldadas, así como a instalación dun novo cancelo de entrada dunha folla abatible.
Outro punto clave da obra será a renovación de practicamente a totalidade da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, así como a substitución de toda a rede de iluminación pública, coa instalación de 67 novos farois ou báculos. Ademais, ampliaranse e mellorarán as beirarrúas, separando o espazo de iluminación e os sinais de circuítos de tránsito.
A reforma inclúe espazos peonís e de cruces con baldosas de granito, a creación de zonas axardinadas e ampliación das existentes.
A rúa Areal manterá a súa dobre dirección, a rúa Espiñeiro terá sentido único desde Rafael Picó á rúa Areal. Outro cambio é o sentido da circulación da travesía de Areal, que agora ten sentido de entrada e pasará a ser de saída para ser usado polo autobús de transporte público que parará na marquesiña.
Os arquitectos que desenvolveron o proxecto fan especial énfase na mellora da praza do mercado, que inclúe a explanada de aparcamento, a marquesiña e a zona verde adxacente a ambas.
Relacionadas:
-
Inicio do asfaltado na contorna do Colexio de Portonovo con cortes de tráfico
Por Redacción |
-
A Deputación ampliará o prazo das obras en Portonovo para que Sanxenxo non perda 500.000 euros
Por Redacción |
-
As aulas de Sanxenxo ábrense para recibir 2.084 escolares
Por Redacción |
-
O PSOE faise eco das queixas dos praceiros de Portonovo
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo convoca un pleno extraordinario para ampliar e mellorar a rede de auga e saneamento
Por Redacción |
-
O Concello recibe dúas ofertas para executar a humanización do colexio de Portonovo e o Mercado
Por Redacción |
-
Máis espazos peonís darán forma ao ámbito do colexio e o mercado de Portonovo
Por Redacción |
-
A contorna do mercado, o colexio e o parque de Portonovo formarán un "espazo común"
Por Redacción |
-
Sanxenxo reactiva o proxecto de humanización da contorna do colexio e da praza de Portonovo
Por Oskar Viéitez |