As confrarías esixen á Deputación axudas directas para os empresarios do sector pesqueiro
Por Oskar Viéitez
A Federación Provincial de Confrarías esixe á Deputación de Pontevedra axudas directas para os empresarios do sector pesqueiro pola suba dos prezos do combustible, tal e como vén de aprobar a Deputación da Coruña.
O pasado sábado 23 de abril, os patróns maiores acordaron solicitar a través da federación, unha reunión urxente coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a fin de evitar que se produza unha "discriminación manifesta", ou un "abandono" a este sector produtivo, ademáis dun "serio agravio comparativo entre galegos cos mesmos dereitos e necesidades".
"Sería dende logo unha sorpresa e á vez unha satisfacción que a presidenta da Deputación accedese por primeira vez en sete anos a reunirse cos patróns e vicepatróns maiores da provincia de Pontevedra no seu conxunto", sinala a federación nun comunicado que asina o seu presidente, José Manuel Rosas Otero.
Ademáis sinalan que se a Deputación de Pontevedra non habilita esa liña de axudas as confrarías de pescadores reuniranse con carácter de urxencia o próximo venres 29 de abril pola tarde, "co obxecto de valorar a situación e de acordar medidas na defensa dos intereses dos profesionais do mar da provincia".
Por último, a Federación Provincial de Confrarías tamén quixo deixar patente o seu "malestar" ante as informacións dadas pola Secretaria Xeral Técnica da Consellería do Mar na sesión da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia do pasado 19 de abril, dicindo que un paquete de axudas directas ao sector pesqueiro por parte da Xunta de Galicia confrontaría co plan disposto polo Goberno do Estado.
"Aquí alguén está a enganar ao sector ou interpreta a normativa ao seu criterio, pois é de todo sorprendente que haxa comunidades autónomas que aparte de suprimir as taxas portuarias, estean a por a disposición das empresas armadoras do sector pesqueiro e das confrarías de pescadores axudas directas para permitir o seu funcionamento", afirma o escrito desta federación.
Relacionadas:
-
A Deputación reclama á Xunta axudas directas para as confrarías de pescadores diante da suba do gasoil
Por Redacción |
-
O PP urxe á Deputación axudas directas para paliar as consecuencias da inflación
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación rexeita destinar máis axudas aos concellos: "non temos unha máquina de fabricar diñeiro"
Por Oskar Viéitez |