Aprobado o regulamento e as taxas que rexerán o funcionamento do viveiro de empresas da Lama
Por Redacción
O pleno da corporación municipal do Concello da Lama, presidido polo tenente de alcalde David Carrera, aprobou cos votos a favor dos concelleiros do PPdeG o regulamento e as taxas que rexerán para o funcionamento do viveiro de empresas municipal que alberga o polígono industrial de Racelo.
Os prezos de alugueiro mensual polo uso das naves oscilan entre os 143 e os 216 euros. Pola oficina, de 22,36 metros cadrados, o prezo de alugueiro mensual será de 89,44 euros. A taxa polo uso da sala de reunións/aula de formación establécese en 6 euros a hora.
Esta iniciativa coa que se pretende apoiar aos emprendedores, favorecer a instalación de novas empresas e crear emprego no municipio está especialmente dirixida a empresas de recente creación que non teñan máis de seis meses de vida ou aquelas que están en proxecto de constitución e que terán un prazo máximo de tres meses para formaliza o seu funcionamento.
AMPLIACIÓN ORZAMENTARIA POLA INFLACIÓN
Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade un suplemento de crédito para partidas xa establecidas que se prevé que resulten insuficientes debido ao aumento do custe dos combustibles, a enerxía eléctrica e os materiais de construción empregados en obras e servizos municipais o que motivou que diversas partidas fosen suplementadas aproveitando o remanente de tesourería existente como resultado do exercicio económico pechado no ano anterior.