A Xunta contrúe unha nova senda peonil no concello da Lama
Por Redacción
A Xunta comezou as obras de execución dunha nova senda peonil de 690 metros de lonxitude na estrada autonómica PO-235, ao seu paso polo concello da Lama.
As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones EC Casas por máis de 48.000 euros.
O obxectivo das intervencións é mellorar o tránsito peonil, para o que se está a habilitar un itinerario na marxe esquerda da estrada PO-235, entre os puntos quilométricos 12+820 e 13+510, un treito que actualmente non conta con zona de circulación a pé independente do tráfico rodado.
Nas zonas da senda onde a beiravía se atope pavimentada aplicarase un tratamento superficial con slurry asfáltico coloreado, para diferenciar de xeito claro a zona de circulación peonil do resto da calzada. No resto das zonas, a senda executarase cun ancho de 1,8 metros, formada por unha capa de 16 centímetros de espesor de formigón cor terrizo, á mesma cota que a da calzada adxacente.
Para desenvolver o novo itinerario peonil é necesario a construción de dous pequenos tramos de muro de perpiaños.
Ademais, en ambos os tramos, e debido á existencia dun desnivel significativo na marxe da senda, colocarase unha varanda de protección lateral de forma que se eviten as caídas a distinto nivel.
A Xunta leva investidos 1,7 millóns de euros no acondicionamento da PO-235, entre Antas e Seixido.