A Roca estrea o percorrido do 'maio troiteiro' polos pobos de Ponte Caldelas
Por Redacción
A Festa da Troita de Ponte Caldelas regresa despois da covid-19 cun intenso calendario de paradas polos pobos do rural que percorrerá as casas do pobo para achegar o saboroso peixe a toda a veciñanza. O ‘maio troiteiro’ terá un total de 25 paradas.
As noites de troita xuntan a numerosas persoas. O peixe sérvese fritido ou en escabeche, ao prezo de 3 euros incluídos pan e viño ou auga, a veciñanza achega doces caseiros e licores e a festa continúa ata ben pasada a media noite, especialmente nas fins de semana.
O ‘maio troiteiro’ comezará este venres, 29 de abril, no lugar de A Roca, a partir das 21.00 horas. O sábado, a cita será no lugar de Taboadelo e o domingo, 1 de maio, celebrarase en Parada. A vindeira semana continuará, de martes a domingo, por Forzáns, Laxoso, Buchabade, Vilarchán, Tourón e Silvoso.
Na semana do 9 de maio, as troitas comezarán o martes en Contixe, continuando por Pazos, Baltar, Barbudo, Xustáns e Cuñas.
Na semana do 16 de maio, iniciarase o martes 17 na Esfarrapada e seguirá por Caritel, A Insua, Anceu, Chaín e A Reigosa. Na última semana comezará o luns 23 de maio en Paradela, para continuar por Rebordelo, Mirón e Regodobardo, o xoves 26 de maio.
No casco urbán de Ponte Caldelas, a Festa da Troita celebrarase, como é tradición, a última fin de semana de maio, concretamente, o sábado 28 e domingo 29 de maio, onde se poderán degustar as troitas nas dúas especialidades mencionadas durante a tarde-noite do sábado e o mediodía do domingo.