Marcha do BNG contra os parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas
Por Redacción
Os portavoces municipais do BNG en Cerdedo-Cotobade e Forcarei, Ernesto Filgueira e Roberto Jorge Correa, acompañados por integrantes da formación nos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade anunciaban este mércores a convocatoria dun acto de protesta contra a instalación dos parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas.
Filgueira afirma que estes dous parques terían unha "afectación brutal" no territorio, ao atoparse cos muíños de vento pegados a vivendas e coa afectación ás augas. O representante nacionalista considera que os dous parques comparten infraestruturas e, na práctica, conforman "un único proxecto industrial". Sinalou, neste sentido, que se tramitan de forma dividida para esquivar os estudos de impacto ambiental.
Sinala, ademais, que nun espazo pequeno do territorio acumularanse os parques eólicos de Campo das Rosas, Cabanelas, Monte de Arca, As Penizas, Pico Touriñán, Porto Vidros e Touriñán III provocando un impacto sobre a paisaxe e a consecuente perda de biodiversidade coa creación de infraestruturas necesarias para dar servizo a estes elementos eólicos.
Por este motivo, fan un chamamento á veciñanza para participar na protesta convocada para o domingo 22 de maio a partir das 12.00 horas na Praza do Concello de Cerdedo-Cotobade. Aseguran que existe un gran rexeitamento social a estes proxectos desde plataformas veciñais, comunidades de montes e entidades sociais ao considerar que os proxectos son un intento de agresión ao territorio.
Relacionadas:
-
O BNG observa "fragmentación fraudulenta" nos proxectos eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas
Por Redacción |
-
Os comuneiros e a corporación unen forzas contra os macroparques eólicos en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Ernesto Filgueira anima a PP e PSOE a se sumar á mobilización convocada polo Bloque contra os parques eólicos
Por Redacción |
-
Cubela e os veciños de Cuíña rexeitan os eólicos e trazarán estratexias contra eles
Por Redacción |
-
O Concello pide á Xunta un estudo detallado sobre as consecuencias na saúde do proxecto de Parque Eólico dos Cotos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |