Únense as comunidades de montes de Forzáns, Gaxate, Fornelos e Verducido contra o proxecto de encoro no Oitavén
Por Redacción
Os presidentes das xuntas reitoras das comunidades veciñais de Montes en Man Común de Forzáns, Gaxate, Fornelos e Verducido decidiron unirse ao considerarse afectadas polo proxecto do encoro no río Oitavén que o goberno local de Vigo proxecta. Entenden que esta obra asolagaría parte das terras destas comunidades e por iso se alían para evitar a súa construción.
O proxecto entenden que afectaría as catro parroquias, na zona limítrofe entre os municipios de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes. O Concello de Vigo solicitara ao Ministerio de Transición Ecolóxica a través da Confederación Hidrográfica un estudo de alternativas que contempla esta creación, sobre a que non se pronunciou Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta.
No estudo, a empresa madrileña encargada da elaboración describe a zona onde se proxecta o encoro como un "páramo", definición que rexeitan as catro comunidades veciñais afectadas.
Sinalan que é un espazo con importantes valores ambientais, con vexetación de ribeira moi frondosa e dominada totalmente por especies autóctonas. A zona tamén conta con elementos do patrimonio histórico e cultural con, entre outros, o Camiño Real dos Arrieiros que transcorre entre Ribadavia e Pontevedra; un roteiro que no século XVIII foi vía de exportación do viño do Ribeiro e de transporte de sardiñas, que chamou a atención do Padre Sarmiento, tal e como figura nun manuscrito que garda o Museo de Pontevedra.
As comunidades lembran que se trata dunha zona de promoción turística, característica pola súa paisaxe e arquitectura da contorna.
Ante esta situación, entenden que este novo encoro supoñería un "desastre ambiental e social sen paliativos" afectando á convivencia da poboación. Os responsables destes colectivos consideran "errado" o estudo de alternativas que se presentou ao Concello de Vigo porque, entre outras cuestións, omite as políticas de aforro e céntrase na mesma conca hidrográfica que ten limitado o seu potencial de auga e que ofrecería un resultado "moi reducido".
Alegan, por último, que esta iniciativa é o reflexo dun problema grave que manifesta o desequilibrio territorial con superpoboación na costa fronte ao abandono do interior. Reclaman "políticas serias e rigorosas exentas de frivolidades e localismos" ao berro de "salvemos o río Oitavén".
Relacionadas:
-
Colectivos ecoloxistas súmanse ao rexeitamento á creación dun encoro no río Oitavén e o transvasamento no Verdugo
Por Redacción |
-
Andrés Díaz pide unha manifestación masiva para defender os ríos e os montes
Por Redacción |
-
O bombeo do Verdugo para abastecer a Vigo, segundo a Xunta, "nin é necesario nin achega solucións"
Por Redacción |
-
"Se non puideron con nós as tropas de Napoleón, tampouco o vai facer un encoro"
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas busca unha fronte de 11 concellos que beben de Eiras contra o transvasamento do Verdugo
Por Redacción |
-
Reclaman que a Xunta "non se agoche e dea a cara" na defensa do Verdugo e do Oitavén
Por Alejandro Espiño |
-
Forzáns mobilízase contra o encoro que o Concello de Vigo pretende construír no Oitavén
Por Redacción |
-
Comunidades de Montes de Forzáns e Gaxate únense para rexeitar o proxecto do encoro de Oitavén
Por Redacción |