O colexio A Torre-Cela, exemplo de innovación educativa
Por Oskar Viéitez
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura e ensino, participaron este xoves na visita realizada por Luís López, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, e César Pérez, xefe territorial de educación, ao CEIP Plurilingüe de A Torre - Cela, para coñecer de primeira man o proxecto co que o centro gañou o 1º premio nos Premios Educativos Innovagal para o profesorado e os centros docentes públicos da comunidade autónoma de Galicia durante o curso escolar 2021/2022.
Este galardón, dotado con 10.000 euros, distingue o traballo dos colexios para aplicar novas iniciativas que favorezan o rendemento, a aprendizaxe e a socialización dos alumnos.
Miriam Area, directora do centro, explicoulles que o proxecto se puxo en marcha antes da pandemia e supuxo un antes e un despois na forma de traballar co alumnado.
Así, a raíz da reforma da biblioteca, o profesorado reformulou todo e comezouse a promover o desenvolvemento por competencias do alumnado, a través de iniciativas como experimentos, inventos, programas de radio, vídeos… Con elo conseguiuse potenciar a aprendizaxe vivencial e estender as experiencias máis alá do libro de texto.
Así mesmo, tamén se crearon iniciativas para avanzar na resolución de conflitos e fomentar a convivencia entre todo o alumnado.
Ao remate da visita, o alcalde e o concelleiro de Ensino mostraron o seu orgullo "porque se demostra día tras día que os centros educativos en Bueu están á vangarda e que son o presente e o futuro desta sociedade". Na visita tamén estiveron presentes Elena Estévez e María Carmen Núñez, concelleiras do PP de Bueu.
Luis López destacou a "implicación" do colexio na posta en marcha de programas da Xunta sobre metodoloxía, biblioteca, radio escolar, robótica, o plurilingüismo, o Abalar, a dixitalización ou mellora de espazos.
Ademais da reforma física da biblioteca e dos patios acometidas hai tres anos, este colexio tamén destacou por implantar, neste tempo, un Consello Escolar Infantil con periodicidade trimestral, a posta en marcha de Escolas de Familias, o traballo en equipos internivel ou o emprego das novas tecnoloxías.
Relacionadas:
-
O IES Ponte Caldelas recibe o premio INNOVAGAL de innovación educativa por 'Da terra á nube: O Monte Vivo'
Por Redacción |
-
Loita contra o ciberbullying e os riscos asociados a novas tecnoloxías no CEIP Torre de Cela
Por Redacción |
-
O CEIP A Torre de Cela inaugurou unha biblioteca inclusiva e creativa
Por Redacción |