Fomentar o turismo sostible e de calidade, fundamento base da nova asociación TodoMorrazo
Por Redacción
TodoMorrazo anúnciase como a asociación de aloxamentos turísticos que ten como obxectivo potenciar un turismo activo e sostible na Mancomunidade do Morrazo.
O presidente do colectivo, Borja Brun, acompañado polo tesoureiro Manuel Pérez e pola vogal Maruxa Camiña, participaban nun acto de presentación este venres no Concello de Bueu co alcalde Félix Juncal; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo; e o edil de Deportes, Ricardo Verde.
O colectivo conta xa con sesenta asociados e cobre establecementos que se dedican ao negocio do cámping, hoteis, hostais, pensións e vivendas de uso turístico dos municipios de Bueu, Cangas e Moaña. A súa proposta é fomentar un turismo de calidade, ao mesmo tempo que regularizar as vivendas de uso turístico e ofrecer unha alternativa aos portais de reservas.
A través deste colectivo, os establecementos que se atopen asociados poderán aforrar a comisión do 16,01% que cobran as plataformas de reservas. Traballan en varias liñas de acción para incrementar o número de establecementos que formen parte de TodoMorrazo coa creación dunha bolsa de emprego, cursos de formación, asesoramento para a tramitación da legalización das vivendas de uso turístico e tamén unha central de compras para lograr prezos máis competitivos.
Actualmente, en Bueu, segundo explicaron na presentación, figuran un total de 275 establecementos de aloxamento no Rexistro de empresas e Actividades Turísticas. Desa cifra, ao redor do 95% correspóndese con vivendas de uso turístico.
A través da Mancomunidade do Morrazo, unha das vías nas que traballan é a desestacionalizar o turismo con ofertas que superen a proposta de sol e praia, apostando pola cultura, o deporte, natureza e outras actividades de lecer. Nese sentido, Félix Juncal manifestou o seu apoio a este tipo de ideas porque axudan á creación de postos de traballo e a que toda a contorna creza economicamente.