Contratos temporais no sector servizos lideran a creación de emprego en outubro
Por Natalia Puga
Os datos de contratacións realizadas durante o mes de outubro nas comarcas de Pontevedra e Umia e confirman a tendencia rexistrada nos últimos meses na creación de emprego. Os contratos temporais son os máis habituais e a maior parte deles correspóndense con actividades do sector servizos.
As cifras facilitadas polo sindicato UGT recollen que en total se realizaron 6.170 novos contratos nos municipios de Pontevedra e Umia, dos que 5.869 correspondéronse con relacións laborais de carácter temporal. En canto aos sectores de actividade que xeraron esas contratacións, 5.402 foron no dos servizos, seguidos de 327 na construción, 324 na industria e 117 na agricultura.
Tan só un municipio tivo máis contratados nalgún dos outros sectores. Trátase de Campo Lameiro, onde das 21 novas contratacións de outubro oito correspondéronse coa construción, outras tantas coa industria e o sector servizos xerou cinco novas relacións laborais.
Por sexos, os homes seguen liderando as novas contratacións, con 3.387 novos contratados en outubro fronte a tan só 2.783 mulleres que empezaron unha relación laboral nese mes. Un tipo de contrato no que apenas hai diferenzas por sexos é o indefinido, con 99 mulleres e 101 homes que o subscribiron.
O Concello de Pontevedra lidera as estádisticas de novas contratacións, con 3.133 persoas que asinaron un contrato en outubro, seguido das 1.329 que o fixeron en Marín, as 696 de Sanxenxo e as 417 de Bueu.
O Concello da Lama é o de menor poboación dos analizados nas estatísticas, por iso é polo que tamén rexistre o menor número de novos contratos da comarca, con 9 documentos subscritos, seguido de Campo Lameiro (21), Cotobade (31), Cerdedo (43), Barro (53), Ponte Caldelas (96), Moraña (98) e Poio (244).
Estes datos hai que completalos cos relativos aos novos desempregados rexistrados durante o mesmo mes, pois outubro, como vén sendo habitual trala campaña estival, volveu ser negativo para as cifras de desemprego. A provincia de Pontevedra conta con 4.262 novos parados, un 4,64% máis que o mes anterior. En total, 107.180 pontevedreses atópanse en situación de desemprego fronte aos 102.918 de setembro.
Relacionadas:
-
Outubro deixa 4.262 parados máis nas listas de desemprego da provincia de Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada