Premios #FotoÁgora, unha filosofía sobre o espazo público resumida en imaxes
Ágora é unha rede de acción institucional, promovida e coordinada pola Deputación de Pontevedra a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazo Público, a favor de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía.
Un dos seus fundamentos é que o espazo público forma parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva. Os concellos que forman parte desta rede comprométense a realizar políticas de recuperación dos seus espazos públicos e a fomentar as mobilidades alternativas nos seus termos municipais.
O Premio de Fotografía sobre o espazo público #FotoÁgora pretende promover e difundir de maneira gráfica e amena a filosofía e os dez principios da Rede Ágora.
O galardón ten como obxectivo aproveitar a fotografía urbana, unha disciplina que concibe a cidade como un ecosistema no que o ser humano se relaciona entre si e coa contorna, para acadar recursos gráficos e amosar como a cidadanía fai uso dos espazos públicos de calidade cando son recuperados fronte á invasión do automóbil.
PRIMEIRO PREMIO. Víctor Manuel Lorenzo Santiago "Síntome un máis"
Esta imaxe foi presentada dentro da categoría de ‘Mobilidade inclusiva’, un dos principios Ágora que defende que o espazo público é un dereito xa que é o único que é de todas e todos, sen distinción de raza, sexo, idade, condición social, capacidade física ou psíquica.
SEGUNDO PREMIO Francisco Javier Arcenillas Pérez
A imaxe foi presentada na categoría 'As persoas primeiro', que defende que é preciso devolverlle ás persoas un espazo público no que desenvolver unha socialización axeitada.
PRINCIPIOS ÁGORA
O ESPAZO PÚBLICO É UN DEREITO. Iago Manuel Souto Lorenzo "Un espazo para todas as persoas"
Un dereito ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación. Toda persoa dun ámbito urbano de calquera dimensión ten dereito a dispoñer dun espazo público de calidade no que desenvolver a súa vida e as súas relacións sociais con seguridade. É un deber das administracións garantirlle ese dereito á cidadanía.
AS PERSOAS PRIMEIRO. Mónica Vila Ferreirós, "Peatonalización Fefiñáns"
Calquera actuación no espazo público terá como destinatarias prioritarias ás persoas a partir dun cambio de prioridades. A finalidade será garantir a mobilidade peonil, que terá prioridade sobre outros modos de transporte na seguinte orde: bicicletas, vehículos de mobilidade persoal (VMP), transporte colectivo e automóbil particular.
MOBILIDADE INCLUSIVA. Rosi Pardal Aragunde, "Paseos en familia"
É obriga dos concellos garantir a accesibilidade universal aos espazos públicos, promovéndoos como elementos de equidade e inclusión social. Atenderanse de maneira prioritaria as necesidades dos colectivos máis vulnerables: nenas e nenos, persoas maiores e persoas con diversidade funcional.
AUTONOMÍA INFANTIL. Rosi Pardal Aragunde, "Pedra papel tesoira"
A integración da infancia é un elemento básico do proceso de socialización de nenas e nenos, polo que devolverlles globalmente un espazo público seguro debe ser un obxectivo de toda a sociedade. Os concellos promoverán a creación de camiños escolares seguros (como primeira medida de recuperación do espazo para a infancia), potenciarán a presenza de nenas e nenos nas rúas e prazas de maneira autónoma e establecerán canles de participación infantil na vida municipal.
MOBILIDADES ALTERNATIVAS. Mónica Vila Ferreirós, "Vía verde"
Promoverase a mobilidade natural e activa fronte á motorizada tanto nos núcleos urbanos coma nos rurais, creando espazos de preferencia peonil nas rúas e prazas centrais das nosas vilas e parroquias. No ámbito periurbano e interurbano construiranse itinerarios peonís e ciclables. Fomentarase o uso da bicicleta na mobilidade cotiá como medio de transporte alternativo.
ESPAZOS SEGUROS. Héctor Rodríguez del Oro, "Duplicidade"
A seguridade viaria será unha prioridade para os concellos, que incentivarán políticas de calmado do tráfico a través da colocación de pasos peonís sobreelevados e redutores físicos de velocidade. En todas as vías municipais en contornas de núcleos urbanos ou rurais a velocidade máxima será de 30 km/h. Nos espazos públicos de preferencia peonil os vehículos autorizados terán unha velocidade máxima de 10 km/h.
HÁBITAT SAUDABLE. Gáspar Antonio González Somoza, "Punto de encontro"
Reducir a presenza de vehículos motorizados e fomentar a mobilidade activa servirá para construír unha sociedade máis saudable. Os concellos, ademais de promoveren espazos amables e seguros para os desprazamentos cotiáns, fomentarán iniciativas para potenciar as prácticas e os usos saudables entre a cidadanía, coma camiñar ou andar en bicicleta.
ESPAZOS AMABLES E DE CALIDADE. Mónica Vila Ferreirós, "Paseo de Vilaxoán"
Os concellos comprométense a que en todos os proxectos de intervención no espazo público se garanta un espazo peonil amable e de calidade, cun itinerario continuo e libre de obstáculos dun ancho mínimo de 2,5 metros (preferentemente de 3 m). Nos proxectos de itinerarios peonís ou ciclables (nos que se segrega da calzada) asegurarase tamén un ancho mínimo de 2,5 m (preferentemente de 3 m). No caso de que esta solución sexa imposible ou desaconsellable, daráselle prioridade á plataforma única coas medidas de calmado de tráfico necesarias para protexer os colectivos máis vulnerables.
ACTIVIDADE ECONÓMICA DE PROXIMIDADE. Héctor Rodríguez del Oro, "Proximidade"
A potenciación do espazo público de calidade e a presenza de persoas nas rúas axudarán a fomentar o comercio local. Os concellos promoverán actividades sociais, culturais, deportivas e de lecer no espazo público recuperado, que, ademais, servirán como recursos turísticos.
MOBILIDADE SUSTENTABLE. Agustín Iglesias Otero, "En familia, sobre rodas"
Fronte á actual crise climática e tendo en conta os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible elaborados pola ONU e a Axenda 2030, os concellos promoverán a redución do uso de vehículos motorizados. O espazo público tenderá a reducir a contaminación ambiental ou a estar libre dela.
Relacionadas:
-
O Goberno de España avala a Axenda Urbana da Deputación de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Deputación asesorará aos concellos para mellorar a 'ciclabilidade' dos seus espazos públicos
Por Redacción |
-
A Rede Ágora repartirá outros 1,96 millóns para recuperar espazos públicos e crear sendas peonís
Por Redacción |
-
A Deputación sinala a Vilagarcía como un referente do 'Modelo Ágora'
Por Redacción |
-
Premio ás 32 imaxes que mellor amosan que as persoas son as destinatarias do espazo público
Por Redacción |