Revisan a fachada dun edificio de Cobián Roffignac tras a caída de cascallos
Por Redacción & Diego Torrado
A caída dun anaco da cornixa dun edificio da rúa Cobián Roffignac obrigou aos servizos de emerxencia a revisar o estado da estrutura, para evitar riscos e novos desprendementos.
O suceso produciuse sobre as oito da tarde e aínda que os elementos desprendidos, segundo testemuñas presenciais, caeron encima do toldo dun restaurante e atravesárono, non causaron feridos.
Os bombeiros, usando un dos seus camións escaleira, comprobaron o estado de toda a fachada do inmoble, con especial atención ao punto do que se desprenderon os cascotes, que quedou asegurado ata que se realice unha inspección máis exhaustiva.
O incidente, que se produciu a unha hora na que había moita afluencia de persoas pola rúa, xerou unha enorme expectación nesta céntrica zona de Pontevedra.
Como medida de precaución e para facilitar o labor dos bombeiros, axentes da Policía Local cortaron o tráfico en Cobián Roffignac e na rúa Castelao, para que os coches xa non accedesen ata o punto no que ocorrera o sinistro.