Manicura, cremas e todos preparados para explotar as posibilidades profesionais da perruquería e a estética
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Unhas fixeron a manicura, outros coñeceron as últimas novidades tecnolóxicas aplicadas ao mundo da estética e houbo quen se foi coas cellas depiladas ou un tratamento facial realizado. Todo parecía posible este domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra. Confluíron o Congreso de Peiteado e Estética Galicia Look&Fashion e o salón de beleza, imaxe e moda Expo Beauty e todo aquel quería estar ao día do que se coce neste sector deixouse caer por alí.
A I Feira Expo Beauty comezou xa este sábado e as actividades formativas do I Congreso Galicia Look&Fashion celebrarase entre este domingo e o luns 18. Entre ambas as dúas actividades constitúen unha especie de congreso-feira que se converteu na gran cita do peiteado e a estética en Galicia, onde os profesionais compartiron ideas e experiencias e o público en xeral tivo acceso ás últimas tendencias. Teoría e práctica do sector nun mesmo espazo.
O público xeral viuse atraído, en especial, polas demostracións de produtos e servizos ofrecidas polos expositores: postos para ver que hai de novo en cremas e tratamentos faciais e corporais, outros para vender todo tipo de materiais necesarios para dedicarse a este sector de forma profesional e outros nos que o obxectivo é, simplemente, demostrar aos cidadáns que é posible cando se aplican as técnicas máis modernas ou as terapias tradicionais.
Outros acudiron ao Pazo co fin de aproveitar a bolsa de emprego creada polos organizadores na que, por un lado, se recolleron os currículo de profesionais do peiteado e a estética e, por outro, había expositores que chegaban buscando distribuidores dos seus produtos en Galicia.
A edil de Promoción Económica de Pontevedra, Carlota Román, inaugurou este domingo o congreso incidindo en que, xuntamente co salón, cobren un oco nun sector tan profesional e puxante" como o do peiteado e a estética e en que ambos os dous ser organizaron "despois de escoitar e recoller as ideas" dos que o integran.
A eles dirixiuse ao sinalar que "me encantaría que os profesionais do sector do Peiteado e a Estética encontrásedes en Pontevedra un lugar ideal para celebrar a vosa cita anual para compartir experiencias, botar unha ollada ao novo que vén e mantervos sempre alerta e en reciclaxe permanente para adaptarvos a estes tempos tan cambiantes e preocupantes que vivimos". Confía en que este evento se repita na cidade en anos sucesivos.
Román referiuse á "importancia" que dende o Goberno local se concede á proxección feiral da cidade, pois "estamos convencidos de que temos as condicións ideais para atraer eventos nun mundo, o dos congresos, que está a cambiar a velocidade de vertixe en Galicia,". "Se ata hai pouco eran as grandes cidades, non só en Galicia, se non en España, as que se levaban a maior parte do pastel do turismo de negocios, parece que algo está a cambiar", engadiu.
Mostrouse convencida de que "Pontevedra está a marcar a pauta en Galicia" en canto á organización de feiras e congresos, pois "mentres a actividade feiral e congresual cae en picado noutras cidades, aquí, de momento, todo o contrario". Ao respecto, engadiu que en novembro se celebrarán na cidade varios congresos nacionais a maiores do que se acaba de inaugurar: Ponte a Punto (Congreso acelerador do crecemento persoal), o Congreso Internacional de Adopción AFIN e Unirede.
Entre os relatores do congreso hai expertos de toda España como Fernando Lareu, 'coach' de vendas e director comercial de Matís París; Luis Romero, formador de profesionais coa compañía Pivot Point; Xavi García, galardoado en 2012 co premio Club Fígaro ao mellor perruqueiro de España; ou Consuelo Silveira, directora de Escolas de Estética Avanzada e creadora da técnica da masaxe mioactiva.