Cubela pide axuda á Xunta para promocionar as xoias do románico de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza de traballo co conselleiro de Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a quen lle solicitou a máxima colaboración do seu departamento para unha serie de proxectos e iniciativas que está a poñer en marcha o Concello e que xiran en torno á posta en valor das “xoias” arqueolóxicas e do románico en todo o municipio.
O proxecto xira en torno ás igrexas de San Martiño de Rebordelo, Santa María de Sacos e Santa Mariña de Tomonde e o mosteiro de San Pedro de Tenorio e o Concello promocionará estas “xoias” a través da edición de trípticos monográficos sobre os elementos arquitectónicos e artísticos que posúen estes edificios relixiosos e que veñen a completar o esplendor do románico galego.
A intención do alcalde é que este traballo teña un aproveitamento desde o punto de vista da dinamización económica do municipio a través da atracción de turistas que se acheguen ata as Terras de Pontevedra na procura de ofertas turísticas relacionadas coa natureza e a arte.
Para elo, o Concello prevé poñer en marcha un ambicioso proxecto de promoción a través da edición de coidados trípticos informativos dos elementos presentes nos catro edificios relixiosos do románico galego e, ademais, establecerase un servizo de guías para que as persoas que se acheguen ata cada unha destas igrexas ou o mosteiro poidan ter unha maior comprensión da beleza e da arte románica que atesoura o municipio.
Esta iniciativa abondará nas xa iniciadas con anterioridade tendentes á conservación e posta en valor do patrimonio histórico do municipio como foi a recuperación das pontes medievais sobre o río Lérez (Serrapio-Pedre, Fentáns e Parada de Cerdedo) e a actuación en profundidade en varios petróglifos de incalculable valor para a arte rupestre e nos que o Concello investiu uns 40.000 euros.
A oferta histórico-artística e turística do Concello no entorno do río Lérez completarase cunha segunda actuación duns 50.000 euros a través do Pacto pola Paisaxe, que mellorará o entorno da ruta entre Cabanca e Cavadosa, así como con varias rutas de sendeirismo.
Todas ellas cohabitarán cos Roteiros Saudables de Almofrei, Augasantas, Borela, Carballedo, Cerdedo, Famelga, Parada de Tenorio, Quireza, Valongo e Vilanova e tamén coa recuperación e posta en funcionamento dos Baños do San Xusto como eixo vertebrador sobre o que xirará gran parte do atractivo e do movemento turístico do concello de Cerdedo-Cotobade a curto e medio prazo.
Cubela agradeceu a receptividade amosada polo conselleiro de Cultura, Román Rodíguez, e manifestou o seu desexo de seguir estreitando a colaboración institucional entre Xunta e Concello para poñer en marcha iniciativas de gran calado e de interese para os veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade así como para os visitantes cada vez máis numerosos.