AGA-Ucraína pide colaboración ás empresas para organizar sorteos solidarios polas vítimas da guerra
Por Redacción
A asociación AGA-Ucraína de Pontevedra quere continuar realizando accións de apoio á poboación que está a sufrir as consecuencias da invasión de Rusia e tras enviar un tráiler de 24 toneladas de alimentos e produtos de primeira necesidade a Ucraína, agora queren emprender un novo reto.
Fátima Ferreira, responsable do colectivo na provincia, indica que teñen previsto organizar dous sorteos solidarios en Pontevedra e Poio. Para organizar estes dous eventos demandan colaboración por parte comerciantes, hostalería, aloxamentos e outras empresas tanto destes dous municipios como doutros próximos como Sanxenxo.
As datas previstas para estes sorteos serán o 20 de maio a partir das 19.30 horas no local social do Casino Mercantil de Pontevedra, situado na rúa Curros Enríquez. E a segunda sesión será o 27 de maio, a partir das 20.00 horas, no local da Comunidade de Montes San Xoán de Poio, situado na chaira da Seca.
Piden solidariedade e que as empresas colaboren ofrecendo para estes sorteos bonos de desconto en compras no comercio local; lotes de produtos gourmet; bonos de estética e salón de peiteado; estancias de fins de semana en hoteis ou en casas de turismo rural; ceas en restaurantes e en taperías; circuítos spa; ou aloxamentos en cabanas con encanto. Entenden que canto máis atractivos poidan ser os premios para o sorteo, máis xente participará e poderase recadar unha maior cantidade económica para destinar á poboación en Ucraína.
Tamén demandan unha imprenta ou unha copistería que colabore coa causa e poida imprimir os cartóns para a celebración das sesións de sorteo, que se poñerán á venda. As persoas que queiran colaborar poden poñerse en contacto coa asociación a través do Whatsapp: 687.946.469.
Relacionadas:
-
Sorteo solidario na Seca este venres para axudar a poboación de Ucraína
Por Redacción |
-
AGA Ucraína organiza dous eventos solidarios para recadar fondos
Por Manu Otero |
-
Artistas de Pontevedra e Ucraína danse a man para "non seguir mirando cara a outro lado" coa guerra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
24 toneladas de solidariedade, rumbo a Ucraína
Por Anxo Lourido |