A Mancomunidade do Morrazo reduce un 3% o envío de residuos a Sogama
Por Redacción
Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, e Javier Domínguez Lino, presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), realizaron este xoves pola mañá unha visita á planta de residuos da Mancomunidade, situada no polígono de Castiñeiras.
No encontro sinalouse a satisfacción pola reducción nun 3% do volume de residuos enviados a Sogama durante este ano, o que supón un incremento da reciclaxe da comarca superando a media galega.
Ademais, cara a finais de xuño, e despois dos trámites administrativos correspondentes, ambas as dúas entidades teñen previsto asinar un convenio que permitirá apoiar desde Sogama a xestión da planta, polo que se estipula que lle abonará á Mancomunidade a cantidade de 4,75 euros, IVE excluído, por cada tonelada de lixo entregado.
Este feito supón, para Domínguez Lino, pechar "o convenio que desexabamos desde hai anos, e que se fará realidade en breves coincidindo co pago da débeda da Mancomunidade a Sogama".
No que respecta a as iniciativas da Mancomunidade para incentivar a redución de lixo preténdese seguir dando unha especial atención á compostaxe, tanto comunitaria como individual nos tres municipios, como demostra o próximo envío por parte de Sogama dun lote de 300 composteiros individuais que serán repartidos entre os veciños.
Na visita deste xoves tamén participaron Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente de Bueu, a xerente da Mancomunidade e responsables da empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo, Urbaser.
Relacionadas:
-
A mancomunidade do Morrazo supera o reto de Ecoembes e incrementa a reciclaxe de plásticos
Por Redacción |
-
15 de xuño, data de entrega de composteiros na Casa de Cultura de San Xulián
Por Redacción |
-
Os composteiros do Plan Revitaliza na Cañota e O Sequelo xa levan tratadas once toneladas de biorresiduos
Por Redacción |
-
Bueu entrega composteiros individuais de Sogama
Por Redacción |