Atracan a punta de pistola a sucursal do Banco Santander en Meis
Por Redacción
Un home, co rostro cuberto cunha gorra e lentes de sol, atracou este mediodía unha sucursal do Banco Santander en Meis, á que entrou armado cunha pistola.
O atraco produciuse sobre as 11:45 horas no lugar de Mosteiro. O individuo entrou na oficina bancaria e, tras aproximarse á caixa, sacou unha pistola que levaba oculta na súa roupa e ameazou ao empregado para que lle entregase a recadación.
Tras facerse co diñeiro fuxiu a pé do lugar, aínda que os investigadores sospeitan que podería haber unha segunda persoa esperándoo fóra co coche.
Por agora, tampouco se determinou se a arma de fogo que levaba o atracador era real ou simulada, xa que as testemuñas non puideron aclaralo.
A Garda Civil, que estableceu controis de estrada nas inmediacións da sucursal atracada, investiga tamén as cámaras de seguridade do banco.
Ademais, recolleron probas no interior da sucursal, entre elas diversas pegadas, coas que confían identificar o autor do asalto.
Relacionadas:
-
Ingresan en prisión os atracadores de dúas gasolineiras, unha farmacia e un banco
Por Oskar Viéitez |
-
Identificados tres individuos como autores dos roubos en igrexas de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Un traballador e varios veciños frustran un atraco na gasolineira de Cerponzóns: “Fixéronlle fronte e marchou"
Por Redacción |
-
Atraco coitelo en man: "Ou me dás o diñeiro ou isto vaise poñer moi feo"
Por Natalia Puga |