A Deputación aproba o convenio para o mantemento de estradas por 4,5 millóns
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra serviu este venres para adxudicar o novo convenio marco deste ano para mellora de firmes, que supón un gasto de 4,5 millóns de euros nos 6 lotes correspondentes ás distintas comarcas. Ademais, anunciou a presidenta Carmela Silva, iníciase, cun gasto doutros 227.000 euros, o procedemento de contratación para o plan de aforos que medirá e analizará o tráfico en todas as estradas durante os próximos catro anos, así como o estudo de accidentalidade que, por primeira vez traballará coa base de datos da Dirección General de Tráfico (DGT).
“Son moitísimos recursos os que gastamos tan só en conservación e mantemento; estamos a facer as cousas como hai que facelas. Queda moito, porque falamos de 1.700 Km repartidos en 377 estradas e moitas delas levaban 30 anos sen ser tocadas”, declarou a presidenta.
A presidenta destacou a relevancia do convenio marco de mellora de firmes, un contrato que a Deputación adxudicou por primeira vez en 2018 como fórmula novidosa para garantir o bo estado da capa de rodadura ao longo da rede provincial. Unha fórmula coa que agora repite “porque quedou claro que permite que manteñamos o firme das estradas en boas condicións”.
En paralelo, a máxima responsable da Administración provincial destacou a relevancia do novo plan de aforos cuatrienal “para analizar con rigor, entre outros parámetros, a intensidade de tráfico en cada vía. Disporemos así dunha diagnose real para tomar decisións e priorizar os investimentos futuros en base a criterios técnicos”. Sobre o estudo de accidentalidade destacou, ademais da maior calidade dos datos que vai achegar, que se introduce por primeira vez a monitorización específica dos accidentes causados por animais.
A aposta da Deputación por manter en bo estado os 1.700 km de vías provinciais queda patente tamén nos 18,7 millóns que os traballos de conservación absorberán tan só durante este ano 2022, que se reparten nos 4,5 millóns do acordo marco de firmes; os 3,9 millóns de grandes proxectos de asfaltado (como o aprobado hoxe mesmo para mellorar 7 Km dunha estrada provincial en Rodeiro); os 5,5 millóns para desbroces, pintados, incidencias, limpezas, apertura de cunetas, sinalización e poda e tala de arborado; os 2,6 millóns da terceira edición do plan Móvese, os 2 millóns destinados ás cunetas transitables e os 227.000 euros desta nova edición do plan de aforos e o estudo de accidentalidade.
A presidenta concluíu remarcando a colaboración constante cos concellos para a execución das obras e puxo como exemplo o plan Móvese, que este ano supón a execución doutros 479 elementos físicos de calmado de tráfico en 54 municipios, así como a construción de cunetas transitables.
PLAN CONCELLOS
A Xunta de Goberno da Deputació aprobou tamén recursos para municipios da provincia da man do Plan Concellos. Estes fondos provinciais supoñen unha inversión de 554.000 euros cos que Poio, Marín, O Porriño e A Guarda realizarán actuacións de pavimentación, acondicionamento ou saneamento.
A Poio chegarán cerca de 222.000 euros cos que se acondicionará e mellorará a Praza de San Martiño, na parroquia de San Xoán. Con estes fondos levaranse a cabo traballos de humanización mediante a mellora do pavimento e a eliminación de barreiras arquitectónicas e de accesibilidade existentes no entorno da desta praza. Ademais, xerarase unha plataforma única de circulación con prioridade peonil no tramo da rúa Capela.
Para Marín foron aprobados 119.640 euros para a restauración da fonte e lavadoiro de Mogor. Esta achega tamén servirá para acondicionar e poñer en valor o seu entorno e mellorar a accesibilidade nos itinerarios peonís.
Relacionadas:
-
Crean cunetas transitables na estrada entre Curro e San Amaro
Por Redacción |
-
Acometen traballos de limpeza no perímetro do encoro do Umia
Por Redacción |
-
Vilaboa actuará en catro puntos do municipio para solventar o deterioro da rede viaria
Por Redacción |
-
Gregorio Agís cualifica como "histórico" o 2022 con 36 "grandes obras" nas estradas provinciais
Por Redacción |
-
A Deputación aproba novos traballos de conservación de firmes nas estradas provinciais por valor de 2,2 millóns
Por Oskar Viéitez |