Volven as festas gastronómicas á Lama e chegan con rebaixas: o codillo pasa de 12 a 10 euros
Por Redacción
O Concello da Lama busca recuperar a normalidade das festas gastronómicas despois da pandemia da covid-19 e este mes de maio volverá celebrar a que rende homenaxe ao codillo. Será o domingo 22 de maio e trae como novidade unha baixada do prezo do produto, que pasa de 12 a 10 euros.
O tenente de alcalde, David Carrera; e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, presentaron a XX edición da Festa do Codillo este venres e indicaron que terá lugar na Alameda e que pretende reunir un milleiro de comensais.
Os organizadores agardan recuperar a normalidade. A festa está prevista a partir das 13.30 horas e o reparto do codillo realizarase ata esgotar existencias, non máis alá das 15.00 horas.
O Concello realizará unha cata previa a través da empresa Cátering Arelas, encargada de servir o xantar, para decidir entre o xurado cal será a preparación elixida para o codillo deste ano.
A baixada de prezo deste 2022 é un xeito de apostar pola festa e de facilitar que veciños e visitantes se acheguen ata a Alameda para degustar este manxar a prezos populares.
Os concelleiros explicaron que tomaron esta decisión "conscientes das dificultades económicas" actuais por efectos da inflación e a suba da luz e dos combustibles. "Queremos recuperar a normalidade desta festa gastronómica, senlleira na comarca, e queremos facelo facilitando ao máximo que a xente poida participar", explicaron.
A venda anticipada de tickets levarase a cabo nas oficinas municipais e a un prezo excepcional de 10 euros co que se terá dereito a degustar nas mesas e bancos habilitados baixo as carpas o codillo, levarse o prato de barro serigrafiado coa presente edición da Festa, pan, viño ou auga, garfo e coitelo.
David Carrera e Daniel Vidal informaron tamén que se reforzará a organización e habilitaranse varios accesos para evitar que se acumule nunha cola soa o servizo de dispensado de racións co fin de axilizar ao máximo a repartición das mil racións que se prevén.
A XX Festa do Codillo estará amenizada musicalmente falando pola agrupación pola Charanga Os Encerellados e a Banda de Música Municipal da Lama, que animarán toda a xornada.
Nesta edición tamén haberá unha Mostra de Produtos da Terra adicada especialmente a promocionar a agroalimentación ecolóxica e de produtos naturais procedentes de hortas, elaborados tradicionais e mesmo novas iniciativas naturais desenvolvidas por emprendedores e artesáns galegos.
Relacionadas:
-
Éxito rotundo da Festa do Codillo, que esgotou as racións a pesar do mal tempo
Por Redacción |
-
Vendidos xa medio milleiro de tíckets para a Festa do Codillo deste domingo
Por Redacción |
-
O codillo estofado con guarnición será o protagonista da XX edición da festa da Lama
Por Redacción |
-
O 'Verán Cultural' da Lama, suspendido para evitar focos de contaxio
Por Redacción |
-
Unha Festa do Codillo de récord na Lama
Por Redacción |
-
A Festa do Codillo da Lama espera repartir mil racións
Por Redacción |