Pontevedra creará un centro de interpretación da auga con fondos Next Generation
Por Alejandro Espiño
Un espazo que sirva de base para a divulgación e a sensibilización sobre a auga. É un dos proxectos que Pontevedra presentará á convocatoria dos fondos europeos Next Generation que o Goberno reserva para actuacións de mellora na xestión do abastecemento de auga.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, destacou que este será un dos proxectos "máis ilusionantes" do que resta de mandato.
Para albergar este centro, desde o Concello xa se está a traballar na rehabilitación dun equipamento físico para acoller estas actividades de divulgación.
Pendentes de concretar a localización, Gulías adiantou que "onde máis nos prestaría é nunha zona moi preto dun río", pero os técnicos están analizando a cualificación urbanística dos terreos para ver se é posible acometer unha reforma de ampliación.
Sexa como sexa, engadiu, o centro irá adiante porque o Concello "ten un plan B".
Neste inmoble, o Concello centralizará ademais todas as ferramentas tecnolóxicas que, tamén no marco destas axudas europeas, se prevén incorporar ao sistema de xestión da auga.
Así, Pontevedra e a empresa Viaqua traballan na dixitalización dos consumos, de xeito que se teña unha nova fonte de información que permita consultas en liña 24 horas, sete días á semana, do consumo cidadán e municipal.
Este sistema, segundo explicou a edil do BNG, permitirá detectar fugas no servizo, controlar potenciais accións fraudulentas ou mellorar o abastecemento a hospitais ou colexios.
Ao mesmo tempo que traballa nestas melloras, o Concello destaca a "excelencia" que xa alcanza o servizo municipal de augas que, segundo datos oficiais do propio sector, aproveita o 91,11% da auga que capta, moi por riba do 80% da media estatal.
A auga non rexistrada, que agrupa a que se perde en fugas, a que abastece fontes públicas ou a que se rouba mediante fraudes, apenas supón o 8,9% do total, cando a media en España estaría no entorno do 20% ou de case o 30% en cidades de similar tamaño a Pontevedra.
Relacionadas:
-
O soterramento da tubaxe de abastecemento continúa por Albeiro Sur e Vilafranca
Por Redacción |
-
O 'destape' do Gafos eleva a 7,27 millóns os fondos europeos Next Generation concedidos a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Restablecida a subministración de auga tras a avaría que provocou cortes en Marín e Bueu
Por Redacción |
-
Todo preparado para que a planta de tratamento de auga potable de Lérez xere enerxía eléctrica para auto abastecerse
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra substitúe unha tubaxe para garantir o abastecemento en alta de Poio e Sanxenxo "para moitos anos"
Por Oskar Viéitez |