Caldas acondiciona os seus lavadoiros para poñelos en valor como patrimonio
Por Redacción
As 46 fontes e lavadoiros incluídos no catálogo do patrimonio cultural de Caldas de Reis serán os primeiros nos que actuará o goberno municipal para impulsar neles tarefas de limpeza e acondicionamento coas que impulsar o seu valor como patrimonio etnográfico.
Seis deles xa foron obxecto de traballos integrais de restauración, dous xa contan con proxectos de restauración e unha decena xa foron acondicionados no mes de abril. Tamén se actuará no resto de fontes e lavadoiros, que suman un total de 106.
Este martes iniciáronse traballos nos lavadoiros de Cesar e Cesariños, en San Clemente, despois de completar a limpeza de catro fontes e lavadoiros en Paradela, tres nos lugares de Santa Catalina, Coto de Arriba e Coto de Abaixo, e actuar en dous en Calcote e tres máis en Bemil.
Son traballos que se desenvolven en varias fases a cargo dos servizos municipais de Medio Ambiente e Obras, primeiro coa roza e limpeza da contorna, despois co vaciado e limpeza dos vasos e, finalmente, coa realización de obras complementarias para mellorar a estanqueidade e o funcionamento dos lavadoiros.
Nos casos que requiren traballos de restauración procédese á redacción dos proxectos correspondentes, como é o caso da Fonte de Pazo.
A veciñanza pode solicitar este tipo de servizos de limpezas especiais no teléfono de avisos do Concello 647 574 316, ou no email: avisos@caldasdereis.com.
O obxectivo do Concello, segundo indicou o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, é completar esta primeira etapa de recuperación no mes de xuño e despois continuar con mantementos periódicos.