Luisa Piñeiro, tras ser absolta de fraude e prevaricación: "O dano que me fixeron non o repara ninguén"
Cunha alegría máis que evidente, pero sen esquecer un ano que, segundo ela mesma recoñeceu, foi "moi duro". Así compareceu ante a prensa Luisa Piñeiro, ex alcaldesa de Moraña, tras anularse a condena por fraude e prevaricación que lle impuxo un xulgado de Pontevedra.
"Non foi fácil chegar a casa e decirlle aos meus fillos que viña cunha sentenza de cárcere", rememorou Piñeiro, lembrando que o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra decretou para ela dous anos de prisión e oito de inhabilitación que, agora, quedaron revogados.
Agora, a Audiencia de Pontevedra confirma, segundo destacou a tamén exdelegada da Xunta en Pontevedra, "que non fixen nada e que non era culpable de nada", algo que celebra pero sen esquecerse "de todo o que sufrín este ano" a nivel persoal, profesional e familiar.
Asegura que "o dano que me fixeron non o repara ninguén" e reitera que a súa condena "foi un disparate", porque tanto a xuíza como o fiscal "basáronse en meras suposicións" ao non existir "ningunha proba que demostrase que eu era culpable de algo".
A ex alcaldesa, do mesmo xeito que fixera durante o xuízo, insistiu en que "o único que fixen foi pedir unha subvención" para arranxar o campo de fútbol de Moraña, obras que foron "pagadas e feitas" e nas que ela nin participou, nin as contratou nin as pagou.
"Non houbo ningunha irregularidade pola miña parte nin pola parte do Concello de Moraña", subliñou Piñeiro, que convocou aos veciños de Moraña a unha reunión o vindeiro sábado para explicarlles o contido desta sentenza.
Luisa Piñeiro, que avanzou que pedirá a súa "reincorporación inmediata" como afiliada do Partido Popular, do que se apartou tras a sentenza de primeira instancia, asegura que "nin confirmo nin descarto" que vaia a volver á política activa.
O PP, afirmou, "é a miña casa" e, aínda que destacou que "é difícil tomar decisións á lixeira", deixou claro que a súa tarefa, primeiro como alcaldesa e logo como delegada da Xunta, "era un traballo que me apaixonaba" e que lle deu "moitas alegrías e satisfaccións".
A este respecto, Piñeiro estivo arroupada na súa comparecencia pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, ou a ex alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, que lle regalaron un gran ramo de flores e coas que se fundiu nun caloroso e emocionado abrazo.
Relacionadas:
-
Luisa Piñeiro regresa á primeira liña política como 'número 2' do PP pontevedrés
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Louzán volverá recorrer a súa condena por prevaricación e non renuncia a presidir a Federación Galega de Fútbol
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia absolve a Luisa Piñeiro e reduce a condena a Louzán na causa do campo de fútbol de Moraña
Por Natalia Puga |