Rouban en dúas igrexas de Caldas a mesma noite e píllanos in fraganti na última
Por Redacción
A Garda Civil detivo a dous veciños da localidade coruñesa de Bergantiños como supostos autores do roubo no interior de dúas igrexas de Caldas de Reis que cometerían durante a mesma noite. Ocorreu na madrugada do venres 15 ao sábado 16 de novembro e os dous supostos ladróns foron sorprendidos in fraganti cando estaban dentro do segundo dos templos.
Un particular avisou de madrugada á central da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra de que vira a dous sospeitosos que puidesen estar intentado entrar a igrexa da parroquia de Carracedo, de modo que todas as patrullas de servizo desprazáronse ao lugar.
Ás 2:30 as patrullas intervintes procederon á detención dos dous supostos ladróns dentro da citada igrexa, á que supuestamente accederan tras forzar unha das fiestras.
Os detidos son I.V.G., de 33 anos, e JM.V.V., de 35, ambos con numerosos antecedentes policiais. Ademais dese roubo no que lles sorprenderon, os investigadores atribúenlles un segundo delito, que terían cometido esa mesma madrugada na igrexa de San Clemente. Foron recuperados os efectos e diñeiro subtraídos en ambos roubos.
As dilixencias instruídas pola Garda Civil e os detidos foron entregadas no Xulgado de Instrución número 2 dos de Caldas de Reis, que decretou a posta en liberdade de I.V.G., pero o ingreso en prisión de JM.V.V..
Este detido estaba en liberdade condicional cunha pena substitutoria de traballos en beneficio da comunidade enfocados á súa reinserción social, de modo que agora perdeu o beneficio penitenciario.