A Deputación agradece á veciñanza o apoio para o proxecto de humanización da estrada de Almofrei
Por Redacción
Medio centenar de residentes en Almofrei asistiron á xuntanza informativa convocada pola Deputación na Casa do Pobo para explicar o proxecto integral de transformación da estrada provincial EP-0405 ao longo dos 1,5 Km do seu trazado.
Esta obra está valorada en 957.890 euros e, segundo o deputado Gregorio Agís, a Administración provincial está tratando de impulsar dende que hai xa máis dun ano presentou o proxecto ao Concello de Cerdedo-Cotobade coa encomenda de materializar a cesión dos terreos afectados e aprobar o convenio de colaboración.
O deputado de Infraestruturas acompañado de técnicos do seu departamento explicou os detalles da actuación e respondeu ás preguntas da veciñanza.
Agís debullou, apoiándose en proxeccións, un proxecto que xa foi anticipado ao alcalde, Jorge Cubela, en dúas xuntanzas celebradas en febreiro e xuño de 2021. Explicou o responsable provincial de Infraestruturas que a Deputación comunicoulle tamén ao rexedor a proposta de convenio pola que asume o financiamento do 70% da actuación, como é norma cando as obras inclúen labores de urbanización.
O propio Cubela, que estivo presente na xuntanza celebrada onte en Almofrei, informou de que agora xa dispón de tódolos terreos menos un, no que podería ser necesario acudir ao mecanismo da expropiación, e de que entregou onte a documentación por Rexistro.
Durante a xuntanza coa veciñanza, o deputado provincial tamén comparou o actual proxecto, de case un millón de euros, co que a Deputación licitou en 2015, nos últimos días de Rafael Louzán na Presidencia, no marco dun lote de estradas provinciais que levaban varios anos anunciadas e sen executar. Aquel proxecto, detallou Agís, era de 558.611 euros e tan só consistía en desmontes para eliminar curvas e dotar á estrada dunha plataforma de 9 metros sen un só metro de espazos reservados para as persoas.
"Era un proxecto de asfalto puro e duro, unha invitación á velocidade; unha obra que menos mal que decidimos parar porque era unha barbaridade que moi pronto teriamos que ter corrixido" dixo o deputado que engadiu que a veciñanza gozará, en canto o concello aprobe o convenio remitido pola Deputación, "dunha estrada do século XXI que será segura e que revalorizará un espazo moi fermoso e dun gran valor etnográfico e natural".
Gregorio Agís agradeceu á veciñanza a súa acollida, o interese e a participación e, sobre todo, o apoio a este proxecto "que presentamos hai un ano e que, unha vez que o Concello complete as súas obrigas poñeremos en marcha para a súa licitación e execución".
Relacionadas:
-
O Pleno municipal desbloquea o convenio coa Deputación para mellorar a estrada de Almofrei
Por Oskar Viéitez |
-
Cubela recibe con satisfacción o convenio coa Deputación para ampliar a estrada de Almofrei
Por Redacción |
-
Jorge Cubela inspecciona o remate das obras en viais de Currás e As Cruces
Por Redacción |
-
Viascón leva máis dunha semana sen telefonía e internet e Movistar non resolve o problema
Por Redacción |
-
A Deputación insta a Cubela a que entregue os terreos para iniciar as obras nas estradas de Almofrei e Quireza
Por Oskar Viéitez |
-
Gregorio Agís acusa a Cubela de "intentar tapar a súa incapacidade" para conseguir os terreos da estrada de Almofrei
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O BNG de Cerdedo-Cotobade urxe a Cubela a cesión de terreos á Deputación para arranxar a estrada de Almofrei
Por Redacción |
-
Recollida de sinaturas de cesión dos terreos para a execución da obra na estrada de Almofrei
Por Redacción |
-
A Deputación redacta un proxecto dun millón de euros para humanizar a estrada de Almofrei
Por Redacción |