As familias do Villa de Pitanxo piden medidas cautelares para que o patrón non volva embarcar noutro buque
Por Natalia Puga
As familias dos 21 mariñeiros falecidos ou desaparecidos tras o naufraxio do Villa de Pitanxo remitiron senllos escritos ao Xulgado de Marín e á Audiencia Nacional pedindo que adopten medidas cautelares para evitar que o patrón do buque afundido, Juan Padín, embarque noutro barco.
Estas peticións realizáronas xa formalmente este martes "ante os persistentes rumores de embarque" do patrón nun buque da mesma empresa armadora que o Villa de Pitanxo, Pesqueiras Nores.
Dirixiron os seus escritos a ambos os órganos xudiciais porque, case tres meses despois do naufraxio, aínda non se ha resolvido a lea xudicial sobre que xulgado é competente para instruír a causa. Tanto a Audiencia Nacional como o Xulgado de Marín rexeitaron ser competentes para a instrución e todo apunta a que finalmente se resolverá nunha cuestión de competencia no Tribunal Supremo.
Mentres tanto, as familias decidiron dirixirse a ambos os xulgados e pedir medidas cautelares por varios motivos. O primeiro, segundo explicou a portavoz das familias, María José de Pazo, polo "temor de que se poida chegar a repetir a desgraza acaecida o 15 de febreiro" en augas de Terranova, cando un pesqueiro ao cargo de Padín afundiuse con 24 persoas a bordo, das que tan só tres sobreviviron.
Ademais, falan de "temor dunha reincidencia delituosa" e lembran que o auto do Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional polo que se inhibía en Marín para instruír a causa fala de "supostos delitos cometidos nun buque español afundido en augas internacionais" e recolle un informe previo da Fiscalía que sinala que hai indicios "suficientes" que permiten imputar, polo menos, 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e outros tantos contra os dereitos dos traballadores.
"Son delitos graves que están a ser investigados", lembran as familias, e engaden que en casos similares previos estas medidas que eles solicitan "foron consideradas".
Nestes momentos, o patrón podería embarcar en calquera buque porque existe unha investigación xudicial aberta e a Garda Civil de Pontevedra continúa investigando os feitos, pero el non figura como investigado e, por tanto, non existen medidas que lle impidan a liberdade de movementos.
As familias cren que é necesario acordar como medida cautelar o que "recolle a lei nestes casos", isto é, retirada de pasaporte e obrigación de estar localizable en todo momento.
María José de Pazo sinalan que quedaron "moi sorprendidas" ante a posibilidade de que Padín volva ao mar, pois, segundo a súa valoración persoal, o habitual, cando unha persoa sofre un naufraxio destas características, é que precise un tempo para ir "xestionando interiormente todos estes traumas".
Relacionadas:
-
A Audiencia Nacional pide á Garda Civil que analice o móbil dun dos falecidos do Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
As familias manifestaranse en Madrid a semana próxima pola "inaceptable" actitude de Goberno
Por Natalia Puga |
-
"Apoyo total" de Felipe VI ás familias do Villa de Pitanxo
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
As familias do Villa de Pitanxo reuniranse coas autoridades do centro de salvamento de Halifax de Canadá
Por Oskar Viéitez |
-
As familias do Villa de Pitanxo esixen "respostas" tres meses despois do naufraxio
Por Alejandro Espiño |
-
Familiares das vítimas do Villa de Pitanxo: "Se o Goberno non fai nada, vai estar sempre tinguido de vergonza"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Ás voltas coa causa do Villa de Pintanxo: o xulgado de Marín tampouco se ve competente e devólvea á Audiencia Nacional
Por Natalia Puga |
-
Samuel Kwesi volve declarar ante a Garda Civil para puntualizar detalles e ratifica a súa versión
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Samuel Kwesi asegura que o patrón e o armador presionárono para apoiar a súa versión do naufraxio
Por Natalia Puga |