ENCE, o 'tasazo' de Sogama e o corte na Barca monopolizan un pleno longo, tedioso e predecible
Por Alejandro Espiño
En certas ocasións o Pleno municipal convértese na aprobación sucesiva de asuntos de mero trámite ou no foro de debate de cuestións repetidas ata a saciedade e onde ningún partido sorprende con novos argumentos. E iso precisamente é o que ocorreu este luns. Tres asuntos, ENCE o 'tasazo' de Sogama e o corte de tráfico na Barca, centraron o rifirrafe político nun pleno que durou máis de tres horas e no que non houbo sobresaltos.
O primeiro tema que xerou un longo debate foi a moción presentada polo PSdeG-PSOE contra o aumento do canon que Sogama cobra aos concellos polo tratamento dos seus residuos. Antón Louro cualificou a subida prevista, dun 33,5%, como "unha auténtica barbaridade", e criticou o "afán recaudatorio" desta medida, destinada, dixo, "a cubrir un burato de 17 millóns de euros froito dunha pésima xestión".
Por iso é polo que esixise á Xunta de Galicia a "urxente" retirada deste novo canon ou que, en caso contrario, sexa o goberno galego quen asuma o seu aumento, de forma que non se repercuta tampouco nas facturas que reciben os cidadáns por este servizo. Non é aceptable, sinalou, que "mentres que aos concellos nos reducen as transferencias e nos sitúan nunha situación delicada, nos apretan aínda máis poñéndonos ao borde da asfixia económica".
Pero o PP, que recoñeceu que a subida é canon é "elevado", segundo Ricardo Aguilar, decidiu absterse. Aseguran non entender por que o goberno municipal repercutirá esta subida nos recibos dos cidadáns "porque ya pagamos por adelantado", ao recordar os 6 millóns de euros que Pontevedra non abonou no seu día polas súas diferenzas con Sogama. "Que resten la subida de ese dinero, que tendrá que estar guardado en algún lado", explicou.
A continuación foi a quenda de Ence. Neste sentido, BNG e PSdeG-PSOE consensuaron unha moción na que manifestan a súa oposición, entre outras cuestións, a calquera prórroga que permita a presenza do complexo industrial en Lourizán máis aló de 2018. "Estamos fartos de cheiros", afirmou o socialista Agustín Fernández, quen acusou aos gobernos do PP na Xunta e o Estado de "adoptar unha postura de sumisión aos intereses da empresa".
Pola súa banda, Carme da Silva criticou o protocolo asinado entre a Xunta e Elnosa que permitirá á electroquímica quedarse en Lourizán ata 2017, porque entende que supón "darlle alas para que pelexe para seguir onde está". A edil nacionalista afirmou ademais que a recente modificación da Lei de Costas "non só deixa a porta aberta, senón que invita a ambas empresas a seguir na súa actual ubicación durante 75 anos máis".
Ambos criticaron a enmenda que tratou de introducir o Partido Popular neste debate. Jacobo Moreira reclamou que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "se quite a careta" e que en lugar de limitarse a encabezar manifestacións contra Ence "adopte un papel activo" e ofreza unha solución a ambas empresas para que poidan trasladarse a outro emprazamento dentro da comarca de Pontevedra.
E tampouco houbo cambio de posturas con respecto ao corte de tráfico da Barca. O PP presentou unha moción na que, debido ao "fracaso absoluto" do operativo despregado na zona, se instaba ao goberno municipal a renunciar de forma definitiva a deixar a ponte só de entrada na cidade. "Si quieren experimentos convoquen una asamblea de lo que queda del BNG, pero dejen de utilizar a los vecinos como cobayas", pediu o portavoz popular.
Ante esta petición, Antón Louro explicou que a postura dos socialistas é manter o dobre sentido de circulación na ponte cando acaben as obras, pero non impedirá que acepten estudar "posibilidades futuras razonables" e dialogadas cos afectados. Máis aló foi César Mosquera que insistiu en que "non hai ningunha decisión tomada" e enmarcou a campaña dos populares "nunha campaña para cargarse o modelo urbano da cidade, nas formas e non fondo".
OUTROS ASUNTOS DO PLENO
Ademais destes asuntos, o Pleno municipal aprobou, cos votos de BNG e PSdeG-PSOE, a entrada de Pontevedra nunha rede internacional de cidades amigas da infancia; e rexeitou unha proposta do PP na que se reclamaba o arranxo das deficiencias das piscinas de Campolongo. Segundo o edil de Deportes, Agustín Fernández, a finais deste mes estará listo o anteproxecto polo cal se licitará a xestión dese complexo e o da Parda, que incluirá un investimento de tres millóns de euros para mellorar dito centro deportivo.
Relacionadas:
-
A Avenida do Uruguai absorbe "sen problemas" os 6.000 coches diarios que perdeu Echegaray
Por Alejandro Espiño |
-
Arregui (ENCE): "Lo que hacemos no molesta ni daña a nadie. ¿Por qué nos tenemos que ir si cumplimos la ley?"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Entregan 3.665 sinaturas pedindo a rápida apertura da Ponte da Barca
Por Oskar Viéitez |
-
Lixo 'a prezo de ouro': ata un 20% máis pagaremos polo aumento do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño |