Medio centenar de docentes da Universidade de Vigo integran a nova Cátedra Unesco
Por Oskar Viéitez
Preto de 50 docentes, das diferentes facultades e escolas dos campus de Pontevedra, Vigo e Ourense, forman parte da Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, que esta organización das Nacións Unidas concedía nas últimas semanas á Universidade de Vigo.
Segundo explicaron este mércores na súa presentación na Escola de Enxeñaría Forestal onde terá a súa sede provisional, trátase dunha iniciativa concedida no mes de abril por un período de catro anos que englobará “actividades de investigación, formación e transferencia”, centradas en sete dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030.
Nesta presentación estivo o reitor en funcións, Manuel Reigosa, o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Ramón Pereiro, e a coordinadora nacional da Rede de Escolas Asociadas da Unesco (PEA-Unesco), Luisa Márquez. A nova cátedra está dirixida pola catedrática Francisca Fariña, coa catedrática Margarita Pino como coordinadora adxunta.
No mundo hai menos de 800 cátedras Unesco, preto de 70 impulsadas por universidades españolas, entre as que tamén se atopa a Cátedra Unesco en Desenvolvemento Local Sostible do Campus do Mar.
Manuel Reigosa afirmou que é "un éxito que contamos que poida converternos nun faro que alumee moitas das cousas que xa están recollidas no noso plan estratéxico" e lembrou que o plan aprobado o pasado ano define como “liñas principais de actuación” tratar de promover "unha Universidade máis galega, máis igualitaria e máis internacional", á vez que outorga unha especial importancia aos ODS, co obxectivo final de contribuír a que as futuras xeracións “convertan a sociedade galega nunha sociedade máis xusta, máis fraterna e máis igualitaria”.
A cátedra centrarase en sete dos ODS, os referidos a saúde e benestar; educación de calidade; igualdade de xénero; enerxía accesible e non contaminante; redución das desigualdades; cidades e comunidades sostibles; paz, xustiza e institucións sólidas e alianzas para acadar obxectivos.
Entre outras iniciativas, abranguerá accións como a organización de xornadas e congresos, a produción de publicacións científicas e educativas ou a difusión de material audiovisual e de folletos informativos dirixidos a promover un desenvolvemento sostible, baseado na igualdade, na cultura de paz e no espírito crítico e ético.
Así mesmo, na súa memoria recóllense tamén accións centradas na humanización de espazos educativos e sanitarios, a creación de unidades didácticas ou a participación de estudantes internacionais.