Queiman en Vigo un posto da churraría Kuki Galiano: "Veu un fulano cunha lata de gasolina e plantoulle lume"

Por Diego Espiño
A Policía Local de Vigo investiga como intencionado o incendio sufocado durante a madrugada deste xoves 12 de maio en Vigo nun posto ambulante de churros.
Trátase dun dos postos de Kuki Galiano, que se atopaba aparcado na rúa Ramón Nieto de Vigo, á altura do campo municipal de fútbol de Barreiro.
"É o posto do meu irmán", explicou a PontevedraViva David Galiano, afirmando con pesar e indignación que "parece ser que veu un fulano cunha lata de gasolina e plantoulle lume, pola cara".
Os Bombeiros e a Policía Local de Vigo acudiron á chamada de alerta, ao redor da 1.00 da madrugada, atopándose á súa chegada co remolque en chamas. Aínda que a súa intervención conseguiu evitar que o lume se propagase, o posto ambulante quedou totalmente calcinado.
Segundo confirmou a Policía Local, no lugar atopáronse restos de gasolina, polo que permanece aberta unha investigación para tentar aclarar o sucedido.
Respecto diso David Galiano explicou que no lugar do incendio "hai unha cámara dun Abanca e outra dun centro de maiores, veu a Policía Científica a mirar e a ver se conseguen saber quen foi e por que", ao tratarse dun incendio aparentemente provocado, o que causou un gran impacto na coñecida familia pontevedresa.