Unha concentración lembrará a Juan Tábara ao cumprirse un mes do atropelo mortal mentres nadaba en Silgar
Por Redacción
Este domingo 15 de maio cúmprese un mes do atropelo mortal no que o oftalmólogo coruñés Juan Manuel Tábara, de 59 anos, foi golpeado por unha embarcación mentres nadaba na praia de Silgar. Con motivo desta data tan sinalada, a súa familia e achegados convocaron unha "homenaxe pacífica" na súa honra.
Será este domingo 15 ás 13.00 horas na praia de Silgar, o mesmo lugar de Sanxenxo no que estaba cun amigo cando o golpeou unha embarcación de competición que circulaba a toda velocidade e morreu no acto.
Con motivo deste primeiro mes desde atropelo, polo que foi detido e está investigado un veciño de Sanxenxo como autor dun homicidio por imprudente, a familia lembra as dúas peticións que están en marcha desde hai semanas.
Por unha banda, reiteran o correo de contacto porunsanxenxoseguro@gmail.com, habilitado pola familia para conseguir información sobre o ocorrido. Así, fan un chamamento a calquera persoa que estivese en Sanxenxo na tarde do venres 15 de abril para pedirlle a súa colaboración para obter datos do atropelo.
Así, piden que as persoas que teñan algunha gravación do ocorrido, aquelas que presenciasen os feitos e, en xeral, a todas aquelas persoas que poidan achegar, como testemuñas, calquera información que poida esclarecer o acontecido póñase en contacto con eles a través desa dirección.
O seu segundo demanda é reclamar firmas de apoio á petición iniciada na plataforma Change.org para que se melloren as condicións de seguridade nas praias e zonas de baño e que "a tráxica morte de Juan Tábara Rodríguez non sexa en balde".
A familia Tábara Rodríguez e os amigos do falecido reclaman nesta petición que a Xunta de Galicia e a Consellería do Mar revisen o Plan de salvamento nas praias de Galicia e tamén cren necesario que a Xunta cre un grupo de traballo no que participen todos os actores implicados, como son as federacións galegas de tríatlon, salvamento, actividades subacuáticas, natación surf, motonáutica… e mellórese a normativa vixente.
"Temos que loitar ata o final para que un accidente como o de Juan non se volva a repetir", demandan. E sosteñen que o que ocorreu a Juan "poderíase evitar se en todas as praias de Galicia estivese claramente delimitada a zona de baño".
Así, manteñen que "se existisen normas que obrigasen aos concellos ao balizamento das praias urbanas e de máis afluencia durante os meses de primavera e verán, así como a presenza nas mesmas de socorristas, isto non ocorrese". O Concello de Sanxenxo adoita balizar as súas praias durante o verán, pero cando ocorreu este atropelo, en Semana Santa, a zona de baño non estaba sinalizada.
A normativa establece que a zona de baño, se non está sinalizada con balizas, sitúase ata os 200 metros. Juan Tábara foi golpeado por unha embarcación que circulaba a gran velocidade cando se atopaba nadando a 188 metros da costa.
A Garda Civil detivo por homicidio imprudente ao patrón da embarcación porque circulaba por unha zona non autorizada e facíao a unha velocidade superior á permitida nesta zona e contexto.
Relacionadas:
-
Homenaxe ao oftalmólogo falecido en Sanxenxo golpeado por unha lancha
Por Redacción |
-
As praias de Areas, Silgar, Canelas e Montalvo contarán con socorristas desde o 3 de xuño
Por Redacción |
-
"O do meu irmán foi unha traxedia evitable. Non foi un accidente. Hai unha responsabilidade colectiva"
Por Alejandro Espiño |
-
Detido por homicidio por imprudencia o condutor do barco que golpeou un bañista e causoulle a morte en Silgar
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Un home falece ao golpealo unha embarcación mentres nadaba en Silgar
Por Natalia Puga | Creada e actualizada