Actividades para todos os públicos en A Tomba, A Fracha e o Pontillón para demostrar que "o monte é teu"

Por Alejandro Espiño
Poñer en valor os espazos naturais de Pontevedra e fomentar o lecer e o deporte entre a veciñanza. Con ese espírito, o goberno municipal impulsa o programa O monte é teu, que encherá de actividades os parques forestais da Fracha, A Tomba e o Pontillón do Castro.
Ao longo do próximo mes, entre o 21 de maio e o 19 de xuño, haberá dúas citas cada semana, os sábados e os domingos, pensadas para todo tipo de público, que ofrecerán actividades "eclécticas e variadas", segundo destacou o edil de Montes, Alberto Oubiña.
Así, probas de orientación, roteiros polo monte, contacontos, visionado de estrelas, iniciación ao enduro coa campioa Eva Castro, observación de paxaros ou xornadas de divulgación da flora e fauna autóctona serán algunhas destas actividades, que serán gratuítas para os interesados.
Todas aquelas persoas que queiran apuntarse nas actividades poden facelo a través da canle https://apuntate.pontevedra.gal/ ou desde a web de montes https://montes.pontevedra.gal/.
Este novo programa, que conta cun orzamento de preto de 13.000 euros, pretende fomentar o coñecemento destes espazos, "facendo que o monte sempre teña xente gozando del", segundo Oubiña, o que axuda a previr lumes ou actos vandálicos.
"É unha sorte ver como estes espazos van medrando, como cada vez son máis coñecidos pola veciñanza e ver como a xente asiste e participa é algo moi positivo", concluíu o concelleiro.
Relacionadas:
-
Eliminación de especies invasoras, rozas e podas para manter en bo estado os parques da Fracha e A Tomba
Por Redacción |
-
Medio Rural mellora cortalumes en montes de Pontevedra, Barro, Meis e Poio
Por Redacción |
-
Haberá tres persoas "permanentemente no monte" para manter os parques forestais
Por Alejandro Espiño |
-
O 'anel verde' de Pontevedra recibirá unha inxección de 275.000 euros para manterse a punto
Por Redacción |