Alfonso Rueda, sexto presidente da Xunta de Galicia
Por Alejandro Espiño
Non houbo sorpresas. Alfonso Rueda foi investido este xoves como presidente da Xunta de Galicia. Substituirá a Alberto Núñez Feijóo tras lograr o respaldo maioritario do Parlamento, onde o PP fixo valer a súa maioría absoluta para selar a substitución.
Recibiu 41 votos a favor, os dos deputados populares -fóra de Pedro Puy que tivo que abandonar a sesión tras atoparse indisposto-, fronte aos 33 en contra, emitidos polos parlamentarios da oposición, BNG e PSdeG-PSOE.
A votación produciuse tras a segunda xornada do debate de investidura, na que tomaron a palabra os portavoces dos tres partidos con representación na Cámara, aos que posteriormente contestou o xa presidente galego.
Na súa intervención, Rueda censurou que nacionalistas e socialistas estean sempre "enrocados no non" e pediulles que "fagan un esforzo" para acordar un pacto de país "para falar con seriedade dos problemas que hai".
Tras defender o programa que debullou o pasado martes no seu discurso de investidura, o dirixente pontevedrés lamentou que a oposición "ridiculice" propostas como a baixada do IRPF ás rendas máis baixas ou a loita contra a desploblación.
"Vostedes non entenden absolutamente nada. Non sei cales cren que son as prioridades da xente", subliñou Alfonso Rueda, reiterando que as políticas que ambos os partidos propoñen non as quere para Galicia "nin de broma" por estar cheas de " milongas e utopías".
A Ana Pontón, Rueda pediulle "un pouco de humildade" por presentarse como "alternativa" insistindo en proxectos e fórmulas "que non van a ningunha parte" e que prexudicarían aos intereses de todos os galegos.
A principal crítica aos socialistas, tras a intervención do seu portavoz Luís Álvarez, foi que se necesita "mapa e cantimplora" para entender o seu liderado ou que non reclamen "apoio e ecuanimidade" para Galicia por parte do Goberno central.
"Galicia seguirá sendo absolutamente distinta ao que propoñen vostedes, téñano claro", resolveu o novo presidente da Xunta, que insistiu en que o seu goberno "seguirá pola senda que vos galegos avalaron" e corrixindo "o que haxa que corrixir".
ANA PONTÓN: O BNG ESTÁ "PREPARADO PARA GOBERNAR"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sostivo pola súa banda que o seu partido conta cun proxecto para gobernar Galicia e que está "preparado para facelo", polo que avanzou as medidas que adoptarían se ela fose a presidenta da Xunta.
Fronte á "resignación, rutina e autocompracencia" do PP, Pontón contrapuxo o modelo "solvente, ilusionante e capaz de construír unha Galicia mellor" polo que aposta o BNG e entre os que, segundo engadiu, "moi pronto elixirán os galegos e as galegas".
Así, entre a primeiras iniciativas que impulsaría, a dirixente do BNG citou a subida das pensións non contributivas, máis axudas para gastos básicos de vivenda, rebaixa nas peaxes das autoestradas ou axudas directas aos sectores máis afectados pola crise de prezos.
"Galicia é un país con futuro, porque ten riqueza, ten potencial e ten xente honesta, traballadora e capaz de dar o mellor nos momentos máis duros e saír adiante", defendeu.
Unha sanidade e educación públicas "libres de recortes e privatizacións", unha vellez "digna" para os maiores, o freo á emigración dos mozos ou a garantía duns salarios dignos son algúns dos obxectivos que se marcou a portavoz nacional do BNG.
A iso sumou a aposta por unha Galicia "produtiva e cun rural vivo", que sexa "referente" en materia ambiental e de enerxías limpas, onde as mulleres "sexamos libres e iguais", na que se garanta o benestar social ou que estea "orgullosa" da súa lingua e a súa cultura.
Todas estas medidas, sentenciou Ana Pontón, están pensadas para unha "Galicia en grande", tras trece anos de goberno de Núñez Feijóo "que nos deixa en peores condicións" e cun presidente que chega "de rebote e sen proxectos nin propostas".
LUÍS ÁLVAREZ: HAI "ALTERNATIVA" SOCIALISTA A UN PP "ESGOTADO"
Pola súa banda, o portavoz do PSdeG-PSOE, Luís Álvarez, defendeu a "alternativa" que ofrecen os socialistas galegos para liderar Galicia fronte á proposta "esgotada" que presentou o candidato do PP á presidencia da Xunta.
A Rueda díxolle que "Galicia non pode esperar a que vostede aprenda", porque por agora só aprecia "máis do mesmo" dun proxecto "sen ilusión" que representa a unha etapa política "que xa deu de si todo o que podía dar".
Ante iso, Álvarez destacou o modelo de país "activado e en marcha" que defende o PSOE para Galicia para solucionar os "grandes problemas" que debe afrontar a curto e medio prazo e co que "recuperar a ilusión e a confianza nesta terra".
Así, avogou por unha Galicia "territorio enerxético, industrial, científico, da innovación e de oportunidades laborais", que teña unha sanidade de calidade, que coide dos seus maiores ou que promova a súa cultura e lingua propias "como un dous seus tesouros máis valiosos".
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda, o 'herdeiro' do legado que deixou Núñez Feijóo en Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
O PP fixa para o 9 de xullo o seu congreso para elixir novo presidente provincial
Por Redacción |
-
O presidente da Xunta nomea ao seu novo Goberno coa única novidade de Diego Calvo
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda toma posesión como presidente da Xunta. "Tócame agora subir á ponte de mando"
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva cre que o discurso de Rueda foi "antigo, aburrido e sen ideas" e Lores critica a "falta de perspectivas"
Por Oskar Viéitez |
-
A oposición lamenta o discurso "autocomplacente" dun Rueda que "representa o pasado"
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda promete "aprender leccións" de todos os seus antecesores para "mellorar o legado destes anos de goberno"
Por Alejandro Espiño |