Unha astronauta súmase á loita contra a violencia machista en Caldas
Por Redacción
A performance 'A astronauta de campo' da bailarina Mónica Cofiño transportou ao público presente no auditorio municipal de Caldas de Reis a outro universo a través dunha vídeo-instalación escénica, un universo moi reivindicativo, no que se deron cita a liberdade, o amor e os bos tratos en contraposición coa violencia machista que sofren milleiros de mulleres cada día.
Con esta performance, a Deputación Provincial de Pontevedra levou a Caldas de Reis o programa 'Mulleres en Acción. Violencia Zero'. Con tal motivo, este xoves acudiron ao auditorio a deputada de Igualdade, Victoria Alonso; o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey; e alumnado de segundo, terceiro e cuarto curso de ESO do CPR Plurilingüe San Fermín, do CPI Plurilingüe Alfonso VII e do IES Aquis Celenis.
A acción comezou cun vídeo no que se podía ver a Mónica Cofiño ataviada de astronauta, descubrindo os lugares e as persoas que habitan Caldas de Reis, para ao seu remate percorrer o escenario do auditorio co seu traxe de astronauta levando nas súas mans unha gaiola na que portaba caracois, uns animais que co seu corpo e cornos lembran a figura dos extraterrestres que existe no imaxinario colectivo.
A artista expresou os seus sentimentos con frases como "estou soa e confío na miña forza. Debería escoitarme con máis respecto", coa que fixo ante o alumnado unha reflexión baseada no empoderamento feminino tan necesario para loitar contra a violencia machista.
O seguinte paso foi desprenderse da roupa de astronauta e deitarse no chan interactuando cos caracois. Para que o público puidera ver estes animais, a gaiola contaba cunha cámara que transmitía en directo o movemento dos mesmos nunha pantalla situada no fondo do escenario.
A artista interactuou co público a través de elementos como verzas, follas secas e lume lanzando reflexións sobre o amor e a liberdade.
Unha vez finalizada a acción, esa interacción deu un paso máis e todas as persoas asistentes analizaron a peza nun coloquio no que se puxo en valor a importancia da danza á hora de reivindicar o corpo das mulleres e darlle importancia alén da sexualización.
Relacionadas:
-
Detido un home por agredir á súa exparella sobre a que ten orde de afastamento
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación presenta unha extensa programación polo 8 de Marzo reclamando a paridade
Por Oskar Viéitez |
-
Reflexión en Moraña sobre o amor propio das mulleres a través da música de Sofía Espiñeira
Por Redacción |
-
Un mural en Caldas para denunciar unha sociedade que "maquilla" a violencia machista
Por Redacción |
-
Carmela Silva pide rematar coa lacra do machismo nun acto de 'Violencia Zero' en Marín
Por Redacción |