O PP pide a dimisión do concelleiro Demetrio Gómez polo atraso de obras e proxectos municipais
Por Diana Eiras & Anxo Lourido
Pablo Fernández, concelleiro encargado da área de Urbanismo dentro das filas do Partido Popular, denunciaba este venres que se están incumprindo os prazos de máis de vinte obras e proxectos municipais que, segundo expuxo, non cumpren cos prazos e suman sobrecustos. Por este motivo, o representante popular ha pedido ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que depure responsabilidades para esixir a dimisión do concelleiro Demetrio Gómez, como responsable de Obras.
Os populares indican que na práctica totalidade e as obras que se acometen acumúlanse "atrasos, desfasamentos económicos e erros técnicos". Fernández comezou denunciando a situación das rúas Loureiro Crespo e O Castañal, cuxas reformas comezaron en maio de 2020, contaban cun prazo de execución dun ano e cun orzamento de 2,1 millóns de euros e, a estas alturas, suma catro prórrogas e acumula 18 meses de atraso cun sobrecusto do 20%. O concelleiro indicou que o alcalde a había inaugurado en novembro de 2021 "sen que a obra estivese finalizada".
Tamén denunciou as dúas prórrogas para afrontar a reforma do Parque de Bombeiros, que tiña un proxecto inicial cun prazo de execución de catro meses, cun orzamento de medio millón de euros. "Partiuse en tres contratos", indicou Pablo Fernández. A esta situación engádense as reformas do edificio Centro Sur, prorrogada catro meses máis; a do Centro de Información á Muller (CIM), prorrogada dous meses; as renovacións lumínicas de Marcón, Mourente, Verducido, Santa María e Santo André de Xeve, tamén prorrogadas.
O concelleiro tamén se referiu ao campo de fútbol Manolo Barreiro, na Xunqueira, acusando o goberno local de pechalo en metade da tempada sen dialogar cos usuarios; e o recinto deportivo da parroquia de Ponte Sampaio, con varias prórrogas e sobrecustos, modificacións do proxecto inicial e a renuncia da empresa adxudicataria das obras.
Ademais, lamentou a situación do skatepark prometido para a avenida Raíña Vitoria; a planta de compostaxe prevista para A Canicouva, recalcando que os pontevedreses levan pagando este terreo desde 2015; a iniciativa socialista para destapar o río Gafos; a praza de Barcelos que foi anunciada en 2020, cun proxecto en 2021 e unha nova reforma do vial perimetral proposta en 2022 "e dinnos que a obra agora vai facela a Deputación".
Non finalizan aí as críticas populares que tamén denuncian a situación de Monte Porreiro, tras a oposición veciñal ao proxecto do goberno local, sen que teñan coñecemento das actuacións prometidas para o barrio. Pablo Fernández tamén indicou que o Concello recibiu en 2020 os terreos para construír o campo de fútbol de Salcedo. O prazo para esta intervención era de 10 meses cando se anunciou en 2021 e "agora non hai subministración eléctrica na zona", indicou o concelleiro.
A estes atrasos, os populares suman a resolución de contratos por obras polo concurso de acredores da empresa Acevi, encargada da ampliación do cemiterio de San Amaro e a actuación de mellora do Teatro Principal. Fernández expuxo que a situación actual de crise na subministración de material de construción non se pode utilizar de escusa para todos estes atrasos que "prexudican a todos os pontevedreses". Ademais, imputou á concellería de obilidade e Obras a perda de máis de seis millóns de euros ao non solicitar os fondos Next Generation, lembrando que foi a única capital española que non se presentou a estas axudas europeas.
Relacionadas:
-
O campo de fútbol de Salcedo, unha obra que non ve a luz: "É imposible que se poida utilizar na tempada 2022-23"
Por Redacción |
-
O IES A Xunqueira I someterase a unha reforma integral valorada en 735.000 euros
Por Redacción |
-
O campo de fútbol Manolo Barreiro, de novo en obras, denuncia o PP
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A reforma da contorna de Loureiro Crespo finalizará en maio debido ao atraso na subministración de materiais
Por Redacción |
-
Medio millón de euros e catro meses de obras para reformar o parque de Bombeiros
Por Redacción |