Pontevedra contará cun hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil
Por Redacción
Cun horizonte fixado no ano 2024, segundo anunciou este venres o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, a área sanitaria de Pontevedra contará cun hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil.
Así o anunciou García Comesaña na súa intervención nunha xornada sobre o presente e o futuro da saúde mental en Galicia, que se celebrou no Hospital Montecelo, no que avanzou que un centro destas características abrirá este mes en Lugo.
Sanidade creará ademais o ano que vén unha segunda unidade de hospitalización de agudos para pacientes psiquiátricos desta idade, que se emprazará no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cuxas obras se licitarán leste mesmo mes de maio.
Ao longo desta lexislatura, engadiu o conselleiro, crearanse as tres primeiras unidades de detección precoz dos primeiros episodios psicóticos, outra das prioridades que recolle o Plan de Saúde Mental de Galicia.
Este plan conta cun orzamento de 83 millóns de euros e recolle un compromiso de contratación de 241 novos profesionais dos que, a data de hoxe, a metade xa están a traballar en novos programas de saúde mental nas sete áreas sanitarias.
Con respecto á prevención do suicidio, Julio García Comesaña defendeu o plan específico que ten a Xunta neste campo, do que acaba de actualizarse o seu protocolo para a prevención no ámbito escolar.
Ao longo deste ano, o Servizo Galego de Saúde habilitará unha unidade de prevención nas áreas sanitarias que aínda carecen deste servizo.
Con todas estas medidas, segundo o conselleiro de Sanidade, o ámbito da saúde mental en Galicia "está razoablemente ben diagnosticada" ao contar cunha visión "bastante clara" dos obxectivos e estar "preparados" para reorientar recursos en función das necesidades.
O titular da carteira sanitaria do executivo galego remarcou tamén o apoio da Xunta ás entidades sociais que xestionan centros de rehabilitación psicosocial, mini residencias ou pisos protexidos para ofrecer unha "inclusión plena" a pacientes de saúde mental.
Este apoio concrétase, segundo García Comesaña, con convocatorias de axudas de máis de 800.000 euros anuais e cun apoio máis estrutural aumentando as prazas concertadas.