A enogastronomía, principal liña estratéxica en Poio para atraer turismo fóra da tempada alta
Por Redacción
Os departamentos de Turismo e Promoción Económica de Poio presentaban este venres no Casal de Ferreirós o Plan de Sostibilidade Turística en Destinos, un proxecto elaborado con profesionais do sector para tentar buscar fórmulas para atraer turistas ao municipio fóra da época estival.
Esta ferramenta quere potenciar a Poio como destino turístico, que conte cunha imaxe de marca propia e utilizando tanto os valores gastronómicos como os enolóxicos do municipio como elemento atractivo e liñas fundamentais do Plan. Segundo o goberno local, este documento permitirá ao Concello de Poio acceder a fondos europeos Next Generation para impulsar intervencións que fomenten a modernidade, a competitividade e a dixitalización do sector turístico a través de fórmulas sostibles.
Silvia Díaz, responsable de Turismo, e Gregorio Agís, concelleiro de Promoción Económica, explicaban que nesta proposta se logrou a implicación de chefs e empresarios da talla de Pepe Solla e Xosé Cannas, de Pepe Vieira. A dúas 'Estrella Michelín' engaden valor a esta iniciativa e garante ese elemento referencial en materia de creación culinaria, segundo indicaron.
A idea, segundo explicaron os concelleiros, é que este proxecto vencelle mar e terra impulsando diferentes actuacións como habilitar novos espazos naturais como as sendas do litoral ou reforzar a sinalización de puntos de interese turístico dentro do Concello. Tamén se contempla unha liña de axudas ao sector privado para favorecer a dixitalización do sector, elemento importante para chegar ao turismo.
Díaz destacou a importancia da enogastronomía como o "ADN" deste plan que ten como obxectivo apostar polo turismo como motor económico, de creación de emprego e de riqueza para o municipio. O chef Xosé Cannas explicou, nesta intervención, que "en Poio debemos preservar o que temos, coa nosa gastronomía e atractivos á fronte", afirmou reclamando unha aposta pola autenticidade.
Neste sentido, Agís lembrou que a recente adquisición da Illa de Tambo como recurso, despois de lograr a concesión demanial, supón un avance máis para lograr atraer ao turismo noutras épocas do ano máis aló da tempada alta e ofrecer actividades durante todo o ano.
Sobre os recursos europeos, Agís indicou que o Concello está en disposición de beneficiarse a través de dúas liñas dos fondos Next Generation, unha autonómica e outra estatal, cun montante de 2,5 millóns de euros. Para a elaboración do Plan, segundo os dous concelleiros, tivéronse en conta as propostas realizadas por profesionais do sector tanto en reunións de traballo como a través dunha enquisa para detectar fortalezas e aspectos a mellorar coa idea de traballar na consolidación dunha marca propia para Poio como destino turístico.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio consensúa co sector o novo Plan de Sostibilidade Turística
Por Redacción |
-
Nova web para que os turistas 'descubran' Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Case vinte novas sociedades mercantís naceron en Poio no que vai de ano
Por Redacción |
-
Banda do Río, a novidade entre as 112 praias galegas con bandeira azul, 17 delas en Sanxenxo
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Un Plan de Enogastronomía para converter á provincia nun territorio de excelencia
Por Redacción |
-
Valoración positiva en Poio do 65% de ocupación hoteleira acadado na Semana Santa
Por Redacción |