O codillo estofado con guarnición será o protagonista da XX edición da festa da Lama
Por Redacción
Despois do parón obrigado pola covid-19, regresa a festa do Codillo da Lama coa súa XX edición. Nesta ocasión, o xurado apostará pola preparación estofada e con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenorias como especialidade que se degustará o vindeiro domingo 22 de maio na Alameda da vila.
O xurado que fallou a favor da peza gañadora o formaron os tenentes de alcalde David Carrera e Jorge Méndez, así como polo concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, o director do CEIP da Lama, Rafael Sánchez-Agustino, o farmacéutico Miguel Araújo e a traballadora municipal Pilar Gómez.
Esta preparación de Codillo Estofado, competiu cun preparado en salsa salsa de setas, con verduras salteadas e cuscús e cunha combinación de mazá, boliñas de espinacas e arroz en branco. Estas tres modalidades as preparou a cociñeira de Cátering Arelas, de Vincios (Gondomar), Rosa María Fragueiro, que será a encargada de servir os pratos durante a festa gastronómica máis numerosa de toda a comarca Verdugo-Oitavén.
Para poder participar na XX edición da festa do Codillo da Lama os tíckets poderán recollerse tanto nas oficinas do Concello coma na propia festa. No primeiro caso estarán dispoñibles ata o 19 de maio.
A apertura da caseta de servizo das racións do codillo comezará a partir das 13:30 para axilizar a repartición e evitar aglomeracións innecesarias. Estará aberta ata esgotar existencias e servirase ata as 15 horas. Ademais do codillo estofado, os asistentes teñen dereito a un anaco de pan, cubertos e un prato de barro conmemorativo do evento que os comensais poderán levar como recordo, así como bebida.
O tenente de alcalde, David Carrera, explicou que "reforzarase a organización e habilitaranse varios accesos para evitar que se acumule nunha cola soa o servizo de dispensado de racións co fin de axilizar ao máximo a repartición das mil racións que se prevén para este evento".
Tamén lembrou que neste ano de regreso da Festa, o Concello decidiu rebaixar o prezo habitual de 12 a 10 euros co fin de "facer a festa o máis popular posible e coa intención de favorecer que o maior número de veciños e visitantes se acheguen ata a Alameda a disfrutar dunha xornada gastronómica e festiva".
A festa estará amenizada musicalmente pola Banda de Música Municipal da Lama e a Charanga Os Encerellados, que animarán toda a xornada. Outra das novidades é a celebración dunha Mostra de Produtos da Terra na que estarán presentes stands onde se poderá adquirir mel, queixo, repostería tradicional, horta ecolóxica, etc. Ademais haberá un posto de pulpeiro que tamén ofrecerá a posibilidade de degustar outras variedades gastronómica típicas das festas e romarías galegas.
Relacionadas:
-
Dispositivo especial de limpeza e seguridade na Lama pola romaría do Santo Cristo de Xende
Por Redacción |
-
Éxito rotundo da Festa do Codillo, que esgotou as racións a pesar do mal tempo
Por Redacción |
-
Vendidos xa medio milleiro de tíckets para a Festa do Codillo deste domingo
Por Redacción |
-
Volven as festas gastronómicas á Lama e chegan con rebaixas: o codillo pasa de 12 a 10 euros
Por Redacción |