'Queremos galego' anima á cidadanía a manifestarse en Compostela o 17 de maio polo futuro da Lingua
Por Redacción
"A situación do galego non é irreversible", afirman desde a plataforma Queremos Galego, un colectivo integrado por máis de 500 entidades sociais e culturais de Galicia, que sairá á rúa o vindeiro martes 17 de maio ás 12.00 horas en Compostela para demandar a máxima que recolle o lema desta convocatoria "En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua".
Este venres, representantes da xestora desta plataforma cidadá, acompañados por Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, manifestaban a existencia de alternativas e de vontade colectiva para cambiar a tendencia negativa para a Lingua Galega.
Para esta convocatoria desprazaranse autobuses desde todas as comarcas de Galicia, aquelas persoas interesadas en asistir poden anotarse a través do teléfono 986.866.205.
Sabela Bará, portavoz do colectivo, lamentou que a sociedade galega se atope soa "sen institucións que a amparen na defensa da lingua" e, nesta liña, convidou a cambiar a situación para que os poderes públicos "comezando polo novo presidente da Xunta abandonen a súa política de agresión sistemática ao galego". Reclamou que exerzan a súa responsabilidade en defensa dos intereses do país e do galego.
Os participantes na presentación da manifestación do próximo martes, Día das Letras Galegas, alertaron das dificultades coas que se atopan aquelas familias que queren transmitir a lingua debido á limitada oferta audiovisual en galego e as actuais aplicacións no ensino do Decreto de Plurilingüismo. Malia esta situación, desde 'Queremos galego' lembran que a propia sociedade avanza solucións a través de fórmulas como a Iniciativa Xabarín ou as bases para a Normalización da Lingua, elaboradas por unha maioría da representación sindical do profesorado, representantes de Anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa pola Normalización.
Fixeron un chamamento para que tanto o goberno da Xunta como o goberno do Estado abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza "en todo e para todo". Marcos Maceira, secretario xeral da Mesa pola Normalización Lingüística afirmou que “só hai que ver como despois da ampla campaña social e da unanimidade política acadada arredor da iniciativa Xabarín, o debate no Congreso pode acabar limitando os avances en horas e cotas de emisión a unha soa das linguas cooficiais”.
Por último, o alcalde de Pontevedra agradeceu o traballo de toda a xente que "a diario defende o idioma galego" e que combate "os ataques sistemáticos á lingua". Fernández Lores concluíu pedindo a participación cidadá no acto do próximo martes 17.