Dúas persoas intoxicadas nun incendio no soto dunha vivenda en Vilaboa
Por Redacción
Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron a dúas persoas que resultaron afectadas pola inhalación de fume dun incendio declarado no soto dunha casa, no concello de Vilaboa.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, o incendio produciuse ás tres da tarde deste venres, cando un morador da vivenda deu a voz de alarma por un lume que comezou no seu inmoble no lugar As Croas.
Acudiron os Bombeiros do Morrazo de inmediato para tratar de atallar as lapas.
Unha vez controlado o incendio, os equipos de extinción confirmaron ao 112 que ardeu parte dun conxelador e leña acumulada ao seu carón. Como consecuencia, dúas persoas que se atopaban no interior do inmoble resultaron intoxicadas e tiveron que ser evacuadas ao centro hospitalario de referencia polo 061.
Igualmente, os servizos de emerxencias contaron co apoio dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade.