Ingresan en prisión os atracadores de dúas gasolineiras, unha farmacia e un banco
Por Oskar Viéitez
O Xulgado de 1ª Instancia e Instrución Nº 3 de Cambados ordenou o ingreso en prisión dos dous veciños de Meis detidos pola Garda Civil como presuntos autores de cinco roubos con violencia e intimidación e un delito de lesións, cometidos durante as últimas semanas en distintas localidades da comarca do Salnés e Caldas de Reis.
Os detidos contan cun amplo historial de antecedentes policiais por feitos violentos.
Entre os feitos esclarecidos figuran os recentes atracos cometidos en dúas gasolineiras en Caldas de Reis, unha farmacia en Vilanova de Arousa e unha oficina bancaria en Meis.
As investigacións foron tuteladas polo Xulgado de Instrución nº 3 de Cambados, no marco da denominada operación “Sangrador”.
Segundo informan fontes oficiais da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, as pescudas iniciáronse tras detectar nas últimas semanas un importante incremento na comisión de roubos con violencia e intimidación nun ámbito xeográfico moi próximo, concretamente en: Vilanoviña (Meis), Caldas de Reis e Baion (Vilanova de Arousa), respondendo todos eles a unha mesma pauta de actuación.
A análise da información solicitada en cada un dos feitos delituosos labores permitiu elaborar o perfil dos autores que deu como resultado a identificación de dous veciños do municipio de Meis, de 47 e 41 anos, que foron detidos como presuntos autores de catro roubos con violencia e intimidación en dúas gasolineiras de Caldas de Reis, unha farmacia en Baión e unha oficina bancaria en Meis.
No momento da detención, ademais do vehículo intervéuselles unha arma curta detonadora e diversas pezas que utilizaran para a comisión dos feitos delituosos que se lles atribúen.
No rexistro que se efectuou na vivenda que compartían os dous detidos en Meis, atopáronse outras pezas que tamén utilizaran nos roubos, ademais de distintos tipos de cartuchería que se corresponde coas armas que utilizaran: unha escopeta de caza e unha pistola detonadora.
Segundo as investigacións realizadas, estas persoas seleccionaban establecementos cun ou dous empregados para asegurar o resultado das súas accións delituosas, que normalmente levaban a efecto nos horarios de apertura ou peche para evitar clientes no interior.
Accedían aos locais ocultando o seu rostro con pasamontañas, luvas e pezas de cabeza; intimidaban coas armas aos seus empregados e en escasos minutos facíanse coa recadación do local, que abandonaban rapidamente, utilizando un vehículo que deixaban estacionado lonxe dos lugares de comisión para evitar que fose avistado por posibles testemuñas. Para os desprazamentos adoitaban utilizar vías secundarias, mesmo pistas forestais, para evitar ser detectados por calquera control policial.
Os investigadores puideron comprobar que a actividade delituosa dos detidos nas últimas datas era desmedida, chegando a cometer na mesma semana ata tres feitos delituosos, entre eles un roubo con violencia con resultado de lesións a unha persoa que se prestou a trasladalos cando facían auto-stop na localidade de Meis.
Relacionadas:
-
Atropelados tres nenos na entrada dun garaxe en Monte Porreiro
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Atracan a punta de pistola a sucursal do Banco Santander en Meis
Por Redacción |
-
Un traballador e varios veciños frustran un atraco na gasolineira de Cerponzóns: “Fixéronlle fronte e marchou"
Por Redacción |