Pontevedra estuda sumarse á fronte de concellos que se uniron contra o 'tasazo' de Sogama
Por Alejandro Espiño
O 'tasazo' de Sogama ameaza con enturbiar as relacións entre a Xunta de Galicia e os concellos galegos. Polo menos, nos que non goberna o PP. Noventa municipios, entre eles a práctica maioría dos que controlan PSdeG-PSOE, BNG e outras forzas políticas, están dispostos a plantar batalla contra a subida das taxas que cobra Sogama polo tratamento dos seus residuos. Fan ata un chamamento á insumisión.
Na reunión celebrada en Santiago, á que non acudiu Pontevedra ao coincidir coa celebración do pleno municipal, esta fronte municipal acordou trazar unha estratexia común contra esta decisión unilateral de Sogama, da que responsabilizan ao seu presidente, Luís Lamas, ao que esixen que dimita. Demandan do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, buscar unha saída menos prexudicial para as arcas municipais.
Non renuncian, polo tanto, ao diálogo co goberno galego, pero advirten xa de medidas de presión se non rectifican. Entre elas, ameazan con peches na Xunta ou, incluso, non pagar ningunha das facturas a partir do próximo 1 de xaneiro. Unha serie de accións na que pretenden implicar á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e ao resto de concellos galegos.
Entre eles, Pontevedra. Aínda que certas medidas, como a negativa ao pago dos recibos, xera certas dúbidas no goberno municipal. En todo caso, estudan sumarse a esta fronte municipal e mostrar así o seu "contundente" rexeitamento a esta medida. "Non tomamos unha decisión ao respecto", sinalaba este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, quen recordou que, en todo caso, "aquí somos moi críticos con este tema".
Fernández Lores recoñeceu que Pontevedra está buscando novas alternativas, en colaboración da Deputación, para poñer en marcha un "tratamento alternativo" á xestión de parte dos seus residuos, especialmente para reducir o volume de material orgánico que se envía á planta de Cerceda. Todo está pendente de ver "como queda o tema" do novo canon de Sogama. Unha medida que, reiterou o alcalde, é "totalmente inxustificada".
Relacionadas:
-
Moreira esixe a Lores saber se Pontevedra seguirá tratando os seus residuos en Sogama
Por Redacción |
-
Aprazada a suba do canon de Sogama ata xullo de 2014
Por Oskar Viéitez |
-
Louro esixe a Lores que se una á fronte de alcaldes contra o 'taxazo' de Sogama
Por Redacción |
-
Un foro de Adega expón alternativas na xestión de residuos porque "desengancharse de Sogama é posible"
Por Natalia Puga |
-
Anova pide ao Concello que se rebele ante o novo canon de Sogama
Por Redacción |
-
Sanxenxo non subirá o recibo do lixo, o Concello asumirá o aumento do canon de Sogama
Por Redacción |
-
Lixo 'a prezo de ouro': ata un 20% máis pagaremos polo aumento do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño |